Xunta financiará o 80 % da compra de dous locais comisados a Charlines

Os dous locais suman 900 metros cadrados e saen a venda por un importe de 110.000 euros, IVE incluído, e actualmente son propiedade de Facenda

Manuel Charlín Gama. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ADP)
photo_camera Manuel Charlín Gama. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ADP)

A Xunta axudará ao financiamento para a adquisición por parte do Concello de Vilanova de Arousa dos dous baixos das Sinas incautados pola Audiencia Nacional aos Charlines e que o goberno local quere destinar a usos municipais.

Os dous locais suman 900 metros cadrados e saen a venda por un importe de 110.000 euros, IVE incluído, e actualmente son propiedade de Facenda.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, desprazouse na mañá deste luns a Vilanova de Arousa acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e da directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, para coñecer o inmoble e anunciar a firma dun convenio polo que a Xunta asumirá o 80% do financiamento e o concello pagará uns 22.000 euros, que supoñen o 20 % restante da compra.

Para Rueda, trátase dunha "boa oportunidade para sacalo de mans do narcotráfico e devolverllo aos veciños" e asegurou que "están moi ben investidos os recursos públicos polo simbólico que é este local e polo prezo que ten".

Como indicou o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, "esta compra beneficia tamén aos cidadáns xa que quen cobra a operación é Facenda" e explicou que "a intención é trasladar ás novas dependencias o arquivo municipal, que actualmente está situado nunha planta da praza de abastos". 

Este traslado permitirá, ademais, levar a cabo unha posterior reforma do mercado que o Concello xa ten prevista.

Ademais, nos baixos das Sinas tamén se creará unha zona destinada a almacén de maquinaria para a limpeza de praias e sendas e barállase que outro dos espazos sexa de uso social. O goberno local prevé que o traslado do arquivo leve a cabo durante o verán.

Comentarios