Zona Aberta recibe 15.000 € do Concello de Vilagarcía para desenvolver o sector comercial

A subvención de carácter nominativo debe destinarse a financiar gastos de actividades e campañas de promoción e fomento do comercio local
O comercio segue loitando para paliar os efectos da pandemia. DP
photo_camera O comercio segue loitando para paliar os efectos da pandemia. DP

O Concello de Vilagarcía, por medio do seu alcalde Alberto Varela, e a asociación de comerciantes Zona Aberta, representada pola súa presidenta Rocío Louzán, procederon á sinatura do convenio anual de colaboración. A través deste acordo, o executivo reafirma o seu compromiso co pequeno e mediano comercio da vila que plásmase nunha axuda de 15.000 euros destinada á contribuír ao desenvolvemento do sector comercial da cidade mediante o mantemento e promoción do comercio retallista.

A subvención de carácter nominativo debe destinarse ao financiamento dos gastos de actividades e campañas de promoción e fomento do comercio local realizadas pola asociación ao longo do presente ano e que deben de recollerse nunha memoria final xustificativa. A feira de oportunidades Expoferta, a campaña de Volta ao Cole ou as dos días do Pai e da Nai son algunhas das iniciativas que neste sentido leva a cabo Zona Aberta.

LIÑAS DE COLABORACIÓN. Esta cooperación vén de moito atrás pero se ten intensificado de xeito importante no último ano e medio co obxectivo de axudar a o sector a paliar as perdas de ingresos orixinadas polos peches e o descenso da actividade durante a pandemia. Iniciativas directas como os bonos compra Son da Casa, subvencionados polo Concello e que xa suman tres edicións, ou outras indirectas como a dinamización de rúas que atrae xente á cidade e anima á mercar e consumir no noso comercio e na nosa hostalaría –xardíns efímeros e mercado de Nadal, concursos de escaparates, o EspaVila actividades festivas– son só algunhas mostras das propostas que o goberno local puxo en marcha para revitalizar a actividade comercial e tamén a hostaleira do municipio.

Estas liñas de colaboración son froito tamén do contacto permanente que a responsable de Promoción Económica mantén co sector para poñer en común as estratexias a desenvolver e as accións a través das cales materializalas, como xa se recolle no Plan de Promoción e Recuperación Económica Vilagarcía 20/21 que foi deseñado polo Concello e dotado con máis de 1 millón de euros.

Comentarios