Arrinca o proceso contra 'O Mulo' polo alixo de 3,5 toneladas de cocaína incautado na Lanzada

A Fiscalía pide para as acusados penas de 17 e 15 anos de cárcere e fixa a responsabilidade civil en 22,9 millóns de euros
Rafael B.P., alias Mulo
photo_camera Rafael B.P., alias Mulo

A Audiencia de Pontevedra acollerá a próxima semana o xuízo contra catorce acusados de formar unha rede de narcotraficantes á que se vincula co alixo de 3.500 quilos de cocaína que transportou unha lancha planadora que apareceu varada e queimada na praia da Lanzada en agosto de 2008.

A Fiscalía pide penas de 17 e 15 anos de cárcere, que en total suman os 214 anos, e fixa a responsabilidade civil en 22,9 millóns de euros.

A todos atribúelles un delito contra a saúde pública referido a sustancias que causan grave dano á saúde, en cantidade de extrema gravidade, labor mediante a utilización de buque e no seo dunha organización delituosa dedicada ao narcotráfico, así como un delito de pertenza a organización criminal.

As penas solicitadas máis altas corresponden a quen é considerado líder da trama, Rafael B.P., alias Mulo, e para José C.F.B. pola súa reincidencia, ao ser condenado previamente a nove anos tamén por narcotráfico.

Os procesados son veciños da comarca do Salnés e tamén cidadáns colombianos.

A Policía Nacional e a Axencia Tributaria desenvolveron unha operación en agosto de 2008 na que foron aprehendidas 3,5 toneladas de cocaína que transportaba unha lancha planadora, que a organización deixou varada e queimou na praia da Lanzada ao saberse perseguida polas forzas de seguridade.

No marco da operación realizáronse varios rexistros, nun dos cales foi descuberta nunha nave en Meis outra planadora do mesmo tamaño e características que a que apareceu queimada na Lanzada, ademais dunha decena de motores de alta potencia.

Segundo se recolle no escrito de acusación, houbo un primeiro intento frustrado de desembarco da droga procedente de Sudamérica ao negarse a última hora a participar na operativa o dono dun pesqueiro que se encargaría de fornecer de combustible en alta mar á planadora, que sería a que levaría a droga ata terra.

Entón, a rede buscou outro pesqueiro para os labores de loxística, o Ratonero, o mesmo que catro anos despois foi abordado en alta mar por Vixilancia Aduaneira cando transportaba 90 fardos con máis de 2.000 quilos de cocaína.

A pesar de que este alixo foi posterior, o xuízo xa se celebrou e a sección quinta da Audiencia de Pontevedra condenou a un total de 103 anos de cárcere aos nove acusados, un deles José Luís D., dono e patrón do 'Ratonero', tamén procesado nesta causa.

Segundo consta no escrito de acusación do fiscal antidroga de Pontevedra, debido a un erro nas comunicacións, quen esperaban en terra para alijar a droga que transportaba a planadora non se puideron decatar de que esta chegaría un día máis tarde do previsto.

Ao non ter comunicación por terra, a tripulación da planadora optou por fondear a cocaína que transportaba nas proximidades de Cabo Silleiro e varou e queimou a embarcación na praia da Lanzada para borrar as pegadas e vestixios que puidesen permitir o seguimento policial.

Nos días seguintes un helicóptero e unha embarcación de Aduanas atoparon uns fardos con droga á altura do cabo Silleiro, e a Garda Civil recibiu chamadas nas que se alertaba da presenza de fardos flotando na mesma zona que foron recuperados por este corpo, por Aduanas e pola Policía Nacional, en total uns 3.500 quilos de cocaína.

Comentarios