Bautismo laboral na Deputación

PONTEVEDRA. Os 330 mozos titulados que gozan de contratos-bolsa concedidos pola Deputación para axudarlles a adquirir experiencia no mundo do traballo recibiron onte o seu bautismo laboral no Pazo Provincial. Foi durante un acto no que o presidente da institución, Rafael Louzán, dirixiulles unhas palabras coas que lles animou a aproveitar a "oportunidade única" que lles ofrece a iniciativa incluída no Plan de Práctica Laboral.

Louzán enviou aos bolseiros unha mensaxe de "ánimo" e de esperanza "non futuro", co desexo de que a experiencia resulte proveitosa tanto para eles como para os concellos, para os servizos nos que están a desenvolver o seu labor profesional e para a sociedade. Ademais, indicou que "o traballo de dedicación e entrega que están facendo os bolseiros incorporados hai uns meses e os que levan uns días influirá nuns servizos que van directamente ao cidadán".

No encontro, que se desenvolveu no salón de plenos do edificio nobre, tamén participaron a deputada Ana Isabel Vázquez; a xefa do Servizo de Recursos Humanos, María Jesús Torres, e o Responsable do Servizo Xurídico, Bernardo Sartier.

13.000 aspirantes. Ao redor de 13.000 candidatos optaron aos 330 postos de traballo ofertados pola Deputación. Segundo Ana Isabel Vázquez, os bolseiros deberán desempeñar o seu labor "con responsabilidade, sabéndoa valorar e aproveitar para que, unha vez que remate o contrato, se poidan presentar no mercado laboral co aval de ter feito un bo traballo".

Pola súa banda, a xefa de Recursos Humanos, María Jesús Torres, comentou que o Plan de Práctica Laboral cumpre dous obxectivos: dar a oportunidade aos mozos titulados que carecen de experiencia no campo do traballo e facilitar aos concellos persoal cualificado, ben formado e repleto de ilusión e de ganas de traballar, que redundará na mellora dos servizos que prestan as administracións locais aos seus cidadáns.

Cinco bolseiros que traballan na leira de Mouriscade, na Estación Fitopatolóxica do Areeiro, nos concellos de Sanxenxo e A Guarda e no Servizo de Política Lingüística da Deputación explicaron en que consiste o seu traballo e fixeron fincapé na gran oportunidade que lles brinda a institución provincial para adquirir experiencia nos ámbitos nos que adquiriron unha formación académica.

Segundo Louzán, "a Deputación soubo poñer o foco no que debe ser o obxectivo prioritario para calquera administración: a xeración de emprego", impulsando iniciativas como a do Plan de práctica laboral, que "dá resposta á necesidade imperiosa de reducir o paro xuvenil".

Comentarios