Benestar destina 760.000 euros para financiar 100 prazas de menores no Príncipe Felipe

PONTEVEDRA. A Consellería de Traballo e Benestar investirá en 2014 máis de 760.000 euros para manener 100 prazas concertadas --75 residenciais e 25 de centros de día-- de atención a menores da Cidade Infantil Príncipe Felipe, centro do que é titular a Deputación de Pontevedra.

O Consello da Xunta autorizou este venres a prórroga do convenio de colaboración coa entidade provincial, que dá continuidade a unha cooperación entre ambas as administracións que leva a cabo "desde fai aproximadamente 20 anos".

Nesta instalación préstase atención a aqueles menores tutelados ou en garda pola Xunta.

Adaptación de ciclos

Por outra banda, o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, informou da aprobación dos decretos polos que se modernizan 15 currículos de ciclos formativos, de forma que se elevan a 90 os adaptados pola Consellería de Educación desde 2009.

Os currículos aprobados son os de grao medio correspondentes a técnico en Aproveitamento e Conservación do Medio Natural; en electromecánica de Maquinaria; Mantemento e Control de Maquinaria de Buques e Embarcacións; Operacións Subacuáticas e Hiperbáricas; Vídeo Disc-Jockey e Son; Navegación e Pesca de Litoral; Cultivos Acuícolas; Estética e Beleza; e en Organización do Mantemento de Maquinaria de Buques e Embarcacións.

No caso dos de grao superior, deuse luz verde aos currículos correspondentes aos de técnico superior en Acuicultura, en Centrais Eléctricas, Animación Sociocultural e Turística; Asistencia Dirección; Mercadotecnia e Publicidade; e en Transporte e Loxística.

Comentarios