Condenan ao Concello a pagar 5,3 millóns pola leira do parque do Gafos

O Xulgado do Contencioso Administrativo número 3 de Pontevedra condenou ao Concello de Pontevedra a pagar 5,3 millóns de euros pola leira para crear o parque do Gafos.

Nun auto do 22 de abril, o xulgado establece que o valor real dunha parcela usurpada aos seus donos en 2007 para crear o parque dos Gafos é de 3.278.616,44 euros. A esta cantidade deberanse sumar os intereses e a multa pola ocupación ilegal, o que elevan a cifra final ata os 5.294.847 euros que deberá abonar o Concello de Pontevedra.

Esta cifra é catro veces maior da que estableceu o propio Concello en 2012, cando cifrou en 1,3 millóns de euros a cantidade a pagar aos propietarios.

No seu parte dispositiva, o auto apercibe expresa e persoalmente Alcaldía do Concello de Pontevedra para que abone esta cantidade aos demandantes, dous irmáns de Ourense. Se non o fai, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, podería ser multado con 1.500 euros por cada mes de incumprimento.

A parcela en cuestión, de 6.156 metros cadrados, sitúase na zona de Ponche Boleira e a súa ocupación ilegal xa foi confirmada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en 2011, o que obrigou ao Concello a asumir a indemnización. Contra esa sentenza non cabe recurso.

Pero ao non fixar o fallo unha cantidade concreta, o goberno local elaborou a súa propia valoración, cifrada en 846.000 polo chan, ao que había que sumar a multa e os intereses, cantidade que non foi aceptada polos afectados, que acudiron de novo á vía xudicial.

Recurso

Este auto xudicial foi cualificado polo concelleiro de Patrimonio, Vicente García Legísima, como "non insatisfactorio" porque "está próxima valoración do Concello " de, aproximadamente, 1.800.000 euros e non aos 11.679.000 euros que demandaban os titulares da leira.

O edil defendeu, ademais, que o problema se deriva da construción do paseo, cando o goberno municipal puxo un terreo en disposición de Augas de Galicia, encargada das obras, "e Augas de Galicia se extralimitó", asegura García Legísima, ao ocupar máis extensión do previsto inicialmente.

Nese momento, os propietarios do terreo acudiron á vía xudicial, unha decisión que foi criticada polo representante do Concello , que afirmou que "algo non funciona ben no país cando estes propietarios no ano 2006 na aceptación da herdanza valoraron o terreo en algo máis de 73.000 euros e no 2007 noutra escritura en 84.000 euros", mentres agora solicitan unha cantidade que supera os 11 millóns de euros.

Aínda que o goberno local seguirá o que ditaminen os avogados municipais unha vez poidan estudar o auto, a intención, segundo avanzou o concelleiro de Patrimonio, "sería recorrelo", ao non estar conformes coa cantidade a pagar.

Comentarios