Detida unha muller de Marín por estafar 155.000 euros no cobro de indemnizacións

A Garda Civil detivo á traballadora dunha aseguradora á que acusa de estafar máis de 155.000 euros desde 2003 a 210 empresas mediante a falsificación de documentos cos que conseguía cobrar indemnizacións por sinistros de coches ficticios, provocados ou de terceiras persoas.

A investigación comezou en 2009, cando a Garda Civil de Tráfico de Pontevedra constatou que a detida, M.L.S.F., veciña de Marín de 42 anos de idade, cobrou dúas veces a indemnización por senllos accidentes de coche, un dos cales fora provocado, informou unha nota do instituto armado.

Neste caso, a muller puido contar coa colaboración doutras tres persoas, tamén imputadas.

A investigación ampliouse e centrouse sobre a agora arrestada, que traballaba para unha compañía de seguros.

Os axentes puideron comprobar que a muller finxía sinistros ou reclamaba indemnizacións utilizando documentación falsa de asegurados que non reclamaban en accidentes reais susceptibles de recibir indemnización.

A través da falsificación de firmas e con fotocopias de DNI conseguiu desviar cara a si 155.607 euros en seis anos, entre 2003 a 2009.

O xulgado de instrución número 1 de Pontevedra decretou o embargo preventivo dos bens da arrestada, en espera de previsibles reclamacións.

Comentarios