Detido un cidadán portugués con antecedentes por roubar unha talla de pedra da Virxe do Carme

Axentes do Corpo Nacional de Policía da Comisaría de Pontevedra detiveron a un home de 51 anos natural de Portugal, sen domicilio coñecido na capital pontevedresa, con varios antecedentes policiais, como presunto autor dos delitos de roubo con forza e contra a seguridade viaria.

Os feitos sucederon o xoves, día 16, cando se recibiu unha chamada na central da Comisaría de Pontevedra na que se alertaba da presenza de dous individuos aos que supostamente sorprendera o propietario dunha vivenda da zona de Bora cando saían correndo da leira da súa propiedade e dirixíanse a un vehículo aparcado nas inmediacións para marcharse a fume de carozo.

Tras inspeccionar a súa propiedade, o propietario botou en falta unha talla de pedra da Virxe do Carmen valorada en 600 euros, segundo indicou a Policía Nacional.

Ao lugar dirixiuse unha dotación do Corpo Nacional de Policía que, tras efectuar unha batida polas inmediacións, localizou a furgoneta aparcada nas inmediacións da ITV de Bora. Os axentes realizaron unha inspección na furgoneta e observaron que no interior atopábase unha talla de pedra de aproximadamente 50 centímetros de altura da Virxe do Carmen, ademais doutros obxectos.

Tras levar a cabo un dispositivo de vixilancia observaron como ás 2.10 horas subíase á furgoneta un individuo cuxas características respondían ao que sorprendera o denunciante na súa propiedade.

Entón, os axentes procederon á interceptación do individuo, que foi detido polos axentes por un suposto delito de roubo con forza ao atoparse no interior do vehículo a talla subtraída, unha lanterna e un par de luvas, obxectos que foron intervidos.

SEN CARNÉ

Ademais os axentes comprobaron que este home carecía de carné de conducir tras serlle retirado por perder os puntos, polo que se lle imputa tamén un delito contra a seguridade viaria.

O resto de obxectos intervidos son un soporte de macetas de metal, unha daga árabe e unha pistola réplica de avancarga con dous canóns, que lle foron entregadas ao seu lexítimo propietario, unha vez recoñecidas.

Tras prestar declaración en dependencias policiais, e unha vez confeccionado o ateigado policial, o detido foi posto a disposición da autoridade xudicial.

Comentarios