Detido un prófugo tras atentar contra un axente e intentar fuxir

A Policía Nacional detivo na madrugada de onte en Pontevedra, por un presunto delito de atentado "a axente da autoridade e resistencia", a un home de 31 anos, contra o que constaba unha orde de detención e ingreso en prisión, por un delito de malos tratos.

Segundo informou hoxe a Policía nun comunicado, a Comisaría de Pontevedra foi alertada onte ás 00:45 horas de que dous homes "estaban a tratar de agredir" aos clientes dun "local de lecer", onde xa romperan o cristal da porta e varios vasos.

Varias patrullas policiais acudiron ao lugar dos feitos, e localizaron posteriormente a unha persoa de similares "características" ás achegadas polas testemuñas na rúa Montero Ríos, polo que os axentes procederon á identificación desta persoa e comprobaron que había unha orde de detención contra el.

"Ao decatarse da súa situación" o home "empuxou" a un dos axentes e fuxiu, aínda que pouco despois foi detido na alameda pontevedresa cando intentaba saltar un valo metálico, acción na que lle produciu unha ferida na man.

Os axentes trasladaron ao detido a un centro médico onde se atoparon con outro home que estaba a ser atendido de múltiples "cortes" na man e que resultou ser o acompañante do detido na "liorta".

O detido, que foi posto a disposición xudicial, será trasladado á prisión da Lama para o seu ingreso, segundo indicaron as mesmas fontes.

Comentarios