O BNG garante que conseguirá aumentar as partidas dos PGE para Pontevedra

LORES-OLAIA-SOBRAL.JPG
photo_camera LORES-OLAIA-SOBRAL.JPG

A crítica mensaxe do BNG cara ás partidas que o borrador do Orzamento Xeral do Estado asigna a Pontevedra traducirase nunha negociación e na presentación de emendas que deixarán máis fondos estatais na capital. A deputada Olaia Fernández, que ofreceu unha valoración do documento económico cos alcaldes de Pontevedra e Poio, está en condicións de garantir "" que a conta definitiva arroxará mellores resultados que o borrador para o municipio.

O peso da negociación recaerá, como sempre, nas infraestruturas, entre as que se priorizará o convenio negociado co Ministerio de Fomento, que inclúe a cesión de vías urbanas ao Concello, a urbanización de dous viarios (a N-541 ata Bora, que xa conta co proxecto, e a N-550, desde o nó do Pino ata Vilaboa, que está no mesmo punto). Outro eixo do acordo é a mellora do mencionado enlace, o máis colapsado de Pontevedra, despois de que este ano Fomento atendese as alegacións e que o orzamento para as obras alcanzase os 10 millóns de euros.

"É fundamental para o Concello e para o BNG", advertiu o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que aspira a que o convenio se firme antes de que se aproben os orzamentos. "Gustaríame que houbera unha partida específica co nome deste convenio e que se recollan as anualidades para 2009 e 2010".

De xenérico a específico|As peticións referidas a infraestruturas non se limitan a este convenio, pero este centra os principais intereses do Concello da capital. A deputada Olaia Fernández faise cargo da demanda: "Hai partidas xenéricas, interésannos que sexan máis específicas. O meu labor é trasladar ó Congreso todas as demandas a través de emendas e poñelas enriba da mesa durante as negociacións", indicou a parlamentaria.

A actitude do PSOE ante estas demandas determinará se o BNG (que pide que o investimento en Galicia supere os 150 millóns) apoia os orzamentos do equipo de José Luís Rodríguez Zapatero.

Olaia Fernández explicou que un dos "froitos do esforzo" da súa forza política en Madrid foron as dúas partidas da A-57 (circunvalación de Pontevedra), que suman un total de 2,8 millóns.

Fernández Lores non escondeu o seu desgusto pola "sensación de que Pontevedra pida ano tras ano o mesmo". Subliñou que "tense avanzado moito nalgunhas cuestións, pero chega o momento da execución das obras. Hai cuestións xa definidas, o que queremos é que sexan palpables".

Comentarios