O descanso eterno ten un límite

Ter un nicho ou un panteón en propiedade en algún dos cinco camposantos nos que ten competencia o Concello (San Amaro, Campañó, Lourizán, Bora e Ponte Sampaio) deixará de ser posible en canto se aprobe o Regulamento Interno de Cemiterios. A nova normativa impedirá a venda das tumbas (concesións a perpetuidade) e contemplará o seu aluguer por un período de 50 anos, prorrogable outros dez.
O administrador de Cemiterios, Augusto López, e os técnicos municipais preparan un documento baseado en outros modelos de regulamentos polos que se rixen cemiterios doutros concellos, entre eles o de Mos, nos que se prohíbe a venda de terreo de dominio público. Esta normativa aplicarase nas concesións dos nichos e panteóns correspondentes á cuarta fase de ampliación de San Amaro, que xa están construídos.
O concelleiro delegado de Cemiterios, Miguel Vázquez Plaza, explica que o proceso para a adxudicación das tumbas do recinto mortuorio de San Amaro xa superou todos os trámites administrativos -incluído o da preceptiva autorización da Consellería de Sanidade- e que únicamente se agarda a aprobación do novo regulamento para completar o proceso de adxudicación dos arrendamentos por 50 anos.
Augusto López matiza que, ademais deste prazo, non se descarta fixar concesións a cinco anos para a xente que non dispoña de capacidade económica para alugar o nicho durante medio século.
No caso do regulamento do cemiterio de Mos, rematada a concesión dos nichos por 50 anos e a prórroga de dez anos, os beneficiarios teñen que retirar os restos do defundo a un columbario de cinzas ou para o osario xeral.
O Concello aínda ten que estudar como resolverá na normativa o respeito dos dereitos adquiridos polos propietarios que ata o de agora viñeron mercando (concesións a perpetuidade ou por tempo indefinido) as tumbas ou os panteóns, e se o acordo de venda entre particulares mantén os dereitos que tiña o antigo dono.

Comentarios