O Estado recorrerá a sentenza que ordena anular a concesión da Edar

PONTEVEDRA. A Administración Xeral do Estado recorrerá a sentenza do pasado 19 de abril que lle ordena iniciar o expediente de caducidade da concesión da Estación Depuradora de Augas Residuais (Edar) dos Praceres e á paralización da actividade desta instalación, emisario submarino incluído. Así o confirmaron a este xornal responsables do Ministerio de Medio Ambiente, que recordaron que a Avogacía do Estado interporá un recurso de casación ante o Tribunal Supremo contra a citada resolución da Audiencia Nacional, que tamén esixe ao Estado iniciar os trámites necesarios para paralizar a actividade de Ence en Pontevedra.

Non é a primeira vez que a Xustiza pon en cuestión as instalacións situadas nas marismas de Lourizán. Unha sentenza de 2011 da Sección Primeira da Audiencia Nacional obriga ao Ministerio de Medio Ambiente a iniciar un expediente de caducidade da concesión de Ence e á adopción de todas as medidas legais para a paralización das actividades e suspensión do uso e explotación das instalacións da pasteira. O tribunal estimou así parte dun recurso presentado en xaneiro de 2005 polo colectivo ecoloxista Salvemos Pontevedra. O fallo, que foi recorrido pola Administración Xeral do Estado e pola propia compañía forestal, non pon, con todo, prazo á execución do desmantelamento da factoría.

Aínda que o fin da concesión á pasteira termina en 2018, a modificación da Lei de Costas podería trastornar esta previsión e aumentar a vida de Ence na súa actual localización por outros 75 anos máis.

O silencio administrativo da Administración central ante a demanda da oenegué propiciou a resolución da Audiencia Nacional. Salvemos Pontevedra denunciou no seu día a caducidade da concesión outorgada á compañía forestal. O colectivo baseou os seus argumentos no proceso que no verán de 2011 supuxo a privatización da Empresa Nacional de Celulosa. A partir de entón, a firma pasou a chamarse Grupo Empresarial Ence e herdou da súa antecesora a concesión que outorga a Lei de Costas para manter a súa actividade industrial en Lourizán.

Salvemos Pontevedra asegura que Ence non conta co permiso administrativo obrigatorio para seguir producindo e sostén que a empresa vulnerou parte dun artigo da Lei de Costas que fai referencia á alteración da finalidade da concesión. "En los últimos 50 años se han venido instalando y construyendo obras en los terrenos de la concesión que no tienen ninguna vinculación con su destino original (...). La realización de cualquiera de las obras, sin el correspondiente título habilitante, es causa más que suficiente para incoar expediente de caducidad de la concesión (a Ence)", recolle o fallo.

A batalla xudicial de Salvemos Pontevedra para recuperar as marismas de Lourizán logrou xa que o Supremo falle a favor e en firme sobre a restitución do dominio público marítimo-terrestre que ocupa a formigoneira Holcim.

Comentarios