O Mercantil iniciará os seus campamentos de verán na primeira semana de xullo

PONTEVEDRA. Un amplo abano de actividades que fomentan a convivencia e o respecto polo medio ambiente conforman a oferta dos seis campamentos de verán que o Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra porá en marcha a partir da primeira semana de xullo. O programa, que tamén se desenvolverá durante o mes de agosto, inclúe entre as súas propostas lúdicas, xadrez, inglés, tríatlon, teatro, obradoiros, xogos de expresión corporal e excursións.

Cinco dos seis campamentos desenvolveranse nas instalacións deportivas do parque de Mourente, mentres que un, o urbano para nenos de entre cinco e dez anos, levará a cabo na sede social situada na Praza de Curros Enríquez. En concreto, o complexo de verán do Casino Mercantil acollerá un campamento de xadrez para nenos de 7 a 15 anos dirixido por Pablo García, mestre internacional desta disciplina.

Tamén haberá un dedicado á práctica do tríatlon para menores de entre 8 e 14 anos, que conta coa colaboración da triatleta Estefanía Domínguez, e outro de inglés destinado a nenos desta mesma franxa de idade, que contará con mestres nativos. Tanto este como o urbano e o de verán, serán organizados pola empresa Falkatruadas. Ademais, haberá un campamento deportivo.

Os proxectos lúdicos teñen unha cota de inscrición de entre 80 e 300 euros e só o campamento de verán ten un carácter exclusivo para socios.

Comentarios