O parque de verán do Mercantil abre o sábado a súa piscina cunha gran festa

O parque de verán do Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra abrirá o sábado a súa piscina cunha gran festa chea de actividades e exhibicións gratuítas que dará comezo á primeira hora da mañá e finalizará de madrugada. Con este evento darase o pistoletazo de saída ao programa de verán deseñado pola sociedade, no que se inclúen sete campamentos, maratóns de pádel e tenis e diversas noites temáticas.

Esta ampla e variada oferta foi presentada este venres na sede de Curros Enríquez polo presidente do Mercantil, Roberto Vega, e os seus dous vicepresidentes, Vicente Pena e Ernesto Filgueira. As actividades do mes de xuño puxéronse en marcha onte pola tarde coa proxección da película 'Catalina', do director Mario Iglesias, por parte do Cine Club, e proseguirán hoxe mesmo cunha conferencia impartida polo arquitecto César Portela ás 20.30 horas.

Ao longo do mes seguiranse sucedendo os eventos na sede de Curros Enríquez, proxectándose as películas 'Cartas italianas', 'O almorzo do poeta' e 'Relatos', todas elas tamén de Mario Iglesias. Ademais, o Cine Club dará a oportunidade de gozar o día 29 de xuño de varios curtos: 'Corten', 'A moza marabillosa', 'Ensaio', 'A Calidez', 'O anel', 'Un pequeno trailer de Susana Rei', 'O andamio' e algunhas curtametraxes de Fernando Cortizo.

Moi interesantes serán tamén as conferencias organizadas polo Casino Mercantil. O día 16 de xuño, ás 20.30 horas, producirase unha charla a cargo de José María Corujo, director provincial de Egarsat (mutua de accidentes de traballo e enfermidades profesionais), achega do ‘Novo sistema de protección por cesamento de actividade dos traballadores autónomos'. Pola súa banda, a Asociación de Amas de Casa ‘Rías Baixas' deseñou un relatorio sobre 'A pel e o sol', que terá lugar o luns 27 de xuño.

Moita música

O programa de actividades do mes tamén incluirá a celebración do ‘Día da música', o 21 de xuño, coa actuación do alumnado da escola musical ‘A tempo'. O certame ‘Entre bandas', que se iniciou o mes pasado coa fase de semifinais, vivirá na noite do día 24 o seu gran final, coa particularidade de que, nesta ocasión, o escenario non será a sede do Mercantil, senón a propia Praza de Curros de Enríquez.

A oferta da sociedade pontevedresa complétase cunha exposición da Asociación de Fotógrafos de Pontevedra Homoludens, que dará comezo o día 14 de xuño e que levará por título ‘O bosque'. Poderá visitarse ata final de mes.

O fiestón

A festa de apertura da piscina do parque de Mourente permitirá a todos os socios gozar, desde as 11.00 horas, de actividades como minitenis (a partir de sete anos) e tiro con arco, unha clase gratuíta de mergullo e tres inchables para os nenos. Pola tarde, non haberá un minuto para parar, cun auténtico desembarco de eventos deportivos, entre os que se inclúen masaxes gratuítas, unha exhibición do Club de Salvamento SAPO, patinaxe, hockey, waterpolo, patinaxe, twister e clases de padel e de 'aquagym'.

A festa tamén contará con animación infantil a cargo da agrupación Falkatruadas, unha escola canina, unha actuación do grupo Os Chichisos e un espectáculo de Omar Percusión. Ás 21.00 horas, terá lugar unha exhibición con práctica dirixida a cargo de Adrián Esperón, campión de España de Baile Deportivo e como recordou Vicente Pena, ''un dos máis ilustres socios da sociedade''.

No caso de que haxa boa noite, celebrarase unha cea na chaira do aparcadoiro do parque (e se non, no salón), na que non faltarán o churrasco de porco con criollo e un ‘pulpeiro'. Como non pode ser doutro xeito, para baixar o banquete, organizouse unha sesión disco cun DJ a partir das 23.30 horas, prolongándose ata aproximadamente as 3.00 horas.

A partir desta inauguración, e ata o 22 de setembro, os socios poderán gozar dunhas instalacións que contan con paseo fluvial e nas que se pode practicar fútbol, voley, tenis, dardos, padel, baloncesto, billar, tenis de mesa, squash e ximnasia.

Comentarios