O PSOE confía á Xustiza a batalla de Ence, o BNG a un cambio de Goberno

Vista aérea de la pastera (Foto: Javier Cervera-Mercadillo)
photo_camera Vista aérea de la pastera (Foto: Javier Cervera-Mercadillo)

PONTEVEDRA. O PSOE confía na Xustiza para sacar a Ence da ría, mentres o BNG aférrase á vía política. Dúas posturas distintas que se desprenden dunha mesma sentenza: o fallo da Audiencia Nacional que ratifica a condena á Administración a incoar un expediente de caducidade da concesión de Ence e a adoptar "todas las medidas legalmente contempladas" para paralizar as actividades e suspender a explotación. Segundo relata o xuíz, porque Ence alberga nos seus terreos a EDAR dos Praceres e o emisario submarino sen as debidas concesións.

O socialista Tino Fernández cre que nesta ocasión o veredicto entra no fondo do asunto e vai máis aló da sentenza de 2011, na que tamén se ordenaba a incoación dun expediente de caducidade. "Por primeira vez -explicou onte no Concello- di que a Edar dos Praceres e o emisario submarino están nos terreos de Ence, cando esta só ten autorización para elaborar papel kraft".

Na súa opinión, esta falta de autorización é suficiente como para recuperar a concesión outorgada á pasteira, máis aínda "cando tamén superan a edificabilidade e as actividades permitidas, por exemplo, cunha planta de biomasa".

Por iso, mostrouse convencido de que a vía xudicial é agora mesmo a única fronte desde o que se pode atacar a permanencia da factoría na ría, sexan cales sexan os efectos da nova Lei de Costas: "A prórroga está en mans do Goberno, pero as causas de caducidade por incumprimento non varían. Se o Tribunal Supremo confirma este veredicto e o anterior, en fase de casación, a fábrica de Ence terá que irse da ría".

Opinión dispar

A confianza do socialista nas canles da Xustiza entrecrúzase cun sentimento de orgullo por ser "ser el padre de esta criatura", por asesorar xuridicamente a Salvemos Pontevedra cando decidiu recorrer á vía xudicial. "Foi alá polo 2004, cando cambiamos de estratexia e mudamos as manifestacións por unha manobra apache de ir rodeando o forte e ir disparando frechas por onde podiamos", recordou.

A prudencia tamén fixo acto de presenza no seu discurso, "xa que as sentenzas son recurribles e haberá que esperar a unha resolución definitiva". Agora ben, a "esperanza" que depositou nos tribunais non tardou moito en esfumarse. Apenas uns cinco minutos, ata que o concelleiro nacionalista Cesáreo Mosquera compareceu en rolda de prensa para dar unha segunda versión sobre o veredicto da Audiencia.

Este último envolveu o fallo xudicial de certa intrascendencia, porque, segundo interpretou el mesmo e segundo trasladáronlle algúns xuristas do Concello, o fallo xudicial "ten o mesmo contido que o de 2011 e en ningún sitio declara ilegal a depuradora dos Praceres, onde tamén se tratan as augas de Marín e Poio".

Ao seu parecer non quedan nada claras as consecuencias da sentenza "e só dá orde de envío dun expediente de caducidade". De feito, mostrouse moi reticente a aceptar que a vía xudicial é o último cartucho para que Ence abandone a ría en 2018.

Finalmente fíxoo, pero convencido de que a forma de escapatoria é outra ben distinta: "a vía política". "A vía para sacar a Ence é que haxa un Goberno na Xunta e no Estado que realmente queira sacala. A xudicial é moito maís lenta e pode saír a saber por onde", defendeu.

Depuradora

Outro punto de discordancia no bipartito que arroxan os veredictos sobre a concesión de Ence é a necesidade ou non de construír unha nova depuradora.

Segundo o socialista, Tino Fernández, Costas comunicou en 2010 ao Concello que a EDAR dos Praceres debía abandonar o seu emprazamento en cinco anos, un feito que tamén se recolle na sentenza e que, ao seu parecer, obriga ao Goberno local a "poñerse as pilas". Non só para buscar unha nova localización, senón para relanzar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), paralizado hai un ano. "Debemos solucionar isto elaborando un novo planeamento e decidindo onde se pode colocar a novar EDAR", apuntou.

Con todo, ao parecer do nacionalista Cesáreo Mosquera a sentenza nin declara ilegal a depuradora nin moito menos esixe ao Concello a elección dunha nova localización. "A EDAR é da Xunta, polo que tería que decidilo ela. A Xunta decidicu o emprazamento da EDAR e, sen ir máis lonxe, onde colocaba o novo hospital. Ademais, se houbera que movela, o coste do saneamento sería infinitamente mais alto para os cidadáns", advertiu.

No medio atópase a disposición nacional novena da nova Lei de Costas, que outorga a posibilidade de prorrogar a estancia de depuradoras en dominio público marítimo-terrestre que están en situación irregular. Os único condicionantes é que se debe acreditar o interese xeral.

Discrepancias e competencias pisadas

"É obvio que hai certas discrepancias no seo do Goberno e ansias en meterse en competencias miñas". Con esta concisa frase o edil nacionalista Cesáreo Mosquera puxo onte de relevo a tensión que se respira desde hai un tempo no seo do bipartito. O detonante foi unha nova invitación do seu socio de Goberno para relanzar un PXOM que o grupo do BNG quere deixar paralizado 'sine die', ata que a Xunta acepte cualificar os terreos de Ence como zona verde. A lectura desigual da sentenza da Audiencia Nacional tamén contribuíu a aumentar as distancias. "Hai interpretacións inexactas, se cadra pola quentura dunha parte", dixo Mosquera.

Comentarios