O TSXG confirma que parte do Porto de Marín pertence a Pontevedra

A sección segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) avala que unha parte do Porto de Marín pertence a Pontevedra. Faino a través dunha sentenza que desestima o recurso que o Concello morracense presentou en 2011 para que o alcalde da capital, Miguel Anxo Fernández Lores, deixase de formar parte do consello da Autoridade Portuaria ao entender que toda a zona de servizo do peirao, incluídos os terreos gandos ao mar, é propiedade marinense.

O contido do fallo, que é consecuencia dun preito impulsado por Francisco Veiga (PSOE) como alcalde da localidade veciña, deuno a coñecer hoxe o portavoz local e concelleiro de Facenda, Raimundo González Carballo, tras a Xunta de Goberno local celebrada en Pontevedra.

A pesar de que recorda que o deslinde definitivo do Porto aínda non se resolveu, o TSXG dá por boas as probas documentais achegadas por Pontevedra neste proceso. «O espazo terrestre da zona de servizo do porto afecta os termos municipais de Marín e Pontevedra», apunta.

O fallo constata así que o alcalde da capital é membro de pleno dereito do consello do Porto, unha mesa á que seguirá acudindo como vocal.

Os precedentes

A batalla administrativa polo control do peirao segue viva a pesar deste revés xudicial. Pontevedra defende a titularidade compartida do peirao, no que se asentan varias empresas, mentres que Marín sostén que a instalación é súa en exclusiva.

Un dos conflitos que ambos os concellos si resolveron foi o do uso da auga do Lérez por parte do Porto. As empresas situadas neste enclave non pagaban ningún canon á capital provincial por consumir recursos hídricos do río, un feito que xa pasou á historia grazas ao convenio que en novembro do ano pasado asinaron Pontevedra e Marín.

O acordo fixou por primeira vez unha tarifa pola subministración industrial, así como outros compromisos como unha subida de táxaa da auga e o compromiso de Marín de satisfacer a débeda co seu veciño. O pacto tamén deu unha maior seguridade xurídica ás firmas do peirao, contra as que pesaban varios recursos do Concello pontevedrés polo uso gratuíto da auga do Lérez.

Comentarios