A Ferrería acolle este venres un magosto popular

PONTEVEDRA. O Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Festas, organiza un magosto este vernes a partir das 18.00 horas na praza da Ferrería ao que están convidados todos os veciños de Pontevedra para celebrar a festa máis tradicional de outono no país.

O magosto, organizado en colaboración co Centro Comercial Aberto Zona Monumental, repartirá castañas e viño de balde e contará coa actuación do Bico da Balouta. A concelleira Carme da Silva animou a todas as persoas que queiran participar da festa de xeito espontáneo que o fagan, traendo os seus propios instrumentos ou arrancándose a bailar.

Paralelamente organizaranse actividades lúdicas dirixidas ao público infantil. Faranse obradoiros de xoguetes de refugallo, actividades con trompos (tanto explicarlle aos nenos como se fan bailar ou como se poden decorar), e tamén haberá un obradoiro de manualidades con follas secas na praza da Verdura.

Este magosto estará coordinado coa actuación da Banda de Música de Pontevedra prevista para o mesmo vernes, a partir das 19.00 horas, na recén peonalizada rúa Benito Corbal. Carme da Silva lembrou a comparativa feita polo presidente do Centro Comercial Aberto Zona Monumental, Miguel Lago, cando expresou o seu desexo de que Benito Corbal está integrado no universo comercial da zona monumental, de aí que a actividade se organice nestes tres espazos públicos: praza da Verdura, praza da Ferrería e o recén recuperado para os cidadáns, o tramo peonil de Benito Corbal.

Comentarios