Xulgan desde o 18 de novembro á rede criminal de Castor 'El Gordo'

PONTEVEDRA. A Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá o próximo mes de novembro a vista oral contra as trece persoas que, segundo a Fiscalía Especial Antidroga, conformaban a organización criminal liderada polo pontevedrés Castor Cuíñas Martínez, ‘El Gordo'. A rede, que supostamente se dedicaba ao tráfico de sustancias estupefacientes a gran escala (fornecendo a toda a provincia e incluso a zonas de Andalucía e das Illas Canarias, segundo fontes da investigación) tomara a substitución dos secuaces de Andrés H., xefe do armazón que foi desarticulado, xulgado e condenado tras a xa histórica operación Gaivota. Curiosamente o despregamento policial que serviu para terminar coa rede de Castor foi bautizada como Parrulo. Nela foron arrestadas 19 persoas, algunhas das cales xa foron xulgadas. Xunto a El ‘Gordo', polo menos outras catro son veciñas de Pontevedra.

A vista oral por estes feitos, que expoñen aos procesados a penas de cárcere que superan os 100 anos e a multas de máis de dous millóns de euros, celebrarase na sala quinta da Audiencia, con sede en Vigo, a pesar de que os seus xefes (e gran parte da droga) procedían da cidade do Lérez. Iso é así porque o presunto líder da rede, o citado Castor Cuiñas, decidiu desprazar o seu ‘cuartel xeral' á cidade olívica en busca de impunidade, dado que chegara aos seus oídos a información de que os seus pasos estaban a ser seguidos moi de cerca polas autoridades policiais de Pontevedra.

A investigación que desembocou na desarticulación da trama de Castor iniciouse a finais de 2006. O entón fiscal Antidroga, Marcelo Azcárraga, explicou no seu día que ‘El Gordo' contaba cunha ampla rede de colaboradores en varias provincias españolas, non só en Galicia, senón tamén en Andalucía (Cádiz) e nas Illas Canarias (Tenerife).

Muleros

A organización criminal que será xulgada mañá tiña unha importante actividade, segundo sinalan as persoas que traballaron na súa investigación, no transporte de cocaína a través de muleros. Un dos exemplos diso deuse cando axentes da Udyco interceptaron no aeroporto dos Rodeos, en Santa Cruz de Tenerife, a un mulero que acababa de aterrar nas illas con medio quilo de cocaína en pequenas bolsas, no interior do seu organismo. Por este alixo que a Policía vincula a Castor xa foi condenado a catro anos de cárcere noutro proceso Fernando D.P.

Sen antecedentes

Cuiñas Martínez carecía de antecedentes policiais no momento no que foi detido, a finais de abril de 2008. Era unha persoa moi coñecida nos ambientes nocturnos pontevedreses, o que puxera sobre a súa pista á Policía Local. Os axentes municipais lograron recompilar unha información moi valiosa antes da súa ‘fuxida' a Vigo, que foron de gran axuda á hora do operativo final.

A operación Parrulo desenvolveuse en varias localizacións, pois ademais de en Pontevedra e Vigo tamén se efectuaron arrestos e rexistros en Sanxenxo, Andalucía e Canarias.

En canto á droga incautada, os axentes fixéronse con máis de dez quilos de cocaína, 15 de haxix (1.800 landras), 76 quilos de sustancia de corte (coa que adulteraban a coca) e un molde para facer os paquetes de cocaína.

Castor rexentaba en Vigo un establecemento de compravenda de vehículos no momento do seu arresto, 14 dos cales lle foron incautados. Ademais, os funcionarios policiais tamén comisaron unha pistola simulada e 7.600 euros en efectivo.

O resto de imputados nesta trama son Carmelo C.F., Constantino P.P., Xullo César D.C., Daniel Ángel S.C., Carlos V.G., Vicente L.D., Marcos F.F., Rocío V.P., Alejandro T.A., Ismael F.P. e Francisco J.O.

Todos eles responderán as acusacións que lles formulará Luís Uriarte, fiscal Antidroga.

Comentarios