A celebración do Mundial de Duatlón obriga a suspender a feira do día 31

A Concellería de Promoción Económica ditou unha resolución pola que se anula a xornada feirada do próximo sábado, día 31 de maio ao coincidir coa celebración do Campionato do Mundo de Duatlón.

Segundo o texto da resolución, a Concellería de Deportes solicitou esta medida, dado que a rúa do Enxeñeiro Rafael Areses, onde se celebra a feira dos sábados, coincide co circuíto de bicicleta da proba deportiva. Ademais, a infraestrutura do Mundial utilizará a explanada superior do Recinto Feiral durante toda a fin de semana.

Deportes tamén informou de que se prevé unha afluencia importante de afeccionados en toda a zona, o que obriga ao despregamento dun importante operativo de seguridade e de tráfico, o faría imposible compatibilizar a celebración da feira en todo o entorno.

Diante de todas estas consideracións, o servizo de Promoción Económica ordenou suspender a feira, pero tamén deu instrucións para que se comunique a suspensión ao servizo de Xestión Tributaria municipal aos efectos de que se reduza de oficio nos recibos das taxas que abonan os feirantes o importe correspondente a esta xornada.

Comentarios