A parcela reservada para o Carlos Oroza converterase nun aparcamento gratuíto

PONTEVEDRA. A parcela que o Concello reservara para a construción do centro integrado de Formación Profesional (FP) Carlos Oroza converterase nun parking gratuíto, unha proposta que xa se barallou o ano pasado. O Goberno local recuperará o terreo de 3.012 metros cadrados, situado na rúa Pedra do Lagarto, no barrio da Parda, que no seu día lle cedera á Xunta de Galicia para a posta en marcha da nova instalación que agora foi desbotada pola Consellería de Educación por falta de fondos.

O concelleiro de Accesibilidade, Luís Bará, comunicoulle hoxe a decisión municipal ós veciños da Parda. Polo de agora descoñécese o número de prazas que terá este aparcamento público, que pretende dar servizo a unha das zonas de maior expansión e crecemento en Pontevedra. «O Concello veuse na obriga de darlle un novo uso a estes terreos dada a inacción da Consellería», dixo Bará, que subliñou que a instalación será de gran utilidade para os usuarios do centro de saúde da Parda, do Conservatorio Profesional de Música ou o do colexio Sagrado Corazón.

Ademais dunha probable comunicación formal a instancias do Goberno galego, que o 1 de xullo de 2011 aceptara a través do Diario Oficial de Galicia (DOG) a cesión da parcela municipal, o Concello deberá realizar o proxecto para acondicionar a zona que está chea de maleza pola súa situación de abandono. Os técnicos barallan a posibilidade de aplicar un tratamento de xabre e a construción dun muro de contención na zona da instalación, que está situada nunha pendente.

Fontes do PSOE sosteñen que a conversión do terreo nunha zona de aparcadoiro non é incompatible coa posibilidade de que nun futuro se constrúa o centro de FP do Carlos Oroza. De feito, o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, mantiña a semana pasada a esperanza de que a Xunta retomase o proxecto.

1.325 prazas

Non é a primeira vez que o Concello aposta por poñer en marcha parking disuasorios en Pontevedra. O último deles activouse no barrio de Monte Porreiro. Na actualidade, a capital provincial conta con 1.325 prazas en este tipo de instalacións.

A posta en marcha de parkings disuasorios é unha opción que o Goberno autonómico prevé para as sete grandes galegas. No seu día, o Concello informara de forma negativa contra este plan da Xunta, porque plantexaba a limitación do número de prazas das que xa dispón a cidade.

Comentarios