A plataforma 'Non crematorios' pide reunirse con toda a Corporación

Reunión celebrada hoy con Louro (centro). (Foto: Gonzalo García)
photo_camera Reunión celebrada hoy con Louro (centro). (Foto: Gonzalo García)

A plataforma veciñal ‘Non crematorios Pontevedra Leste' solicitou unha reunión cos tres grupos políticos representados na Corporación co obxecto de aclarar as distintas versións que traslada cada partido achega do conflito dos fornos incineradores.

Os afectados esperan que o encontro sexa o preámbulo dunha segunda cita «a tres bandas» entre o Concello, a propia plataforma e as empresas funerarias, entre as que cita expresamente a Funespaña, a firma que proxectou un crematorio na zona Este.

O seu labor é buscar unha alternativa á localización prevista en San Amaro, onde, segundo advirten, as instalacións quedarían demasiado preto das vivendas. Por iso, chegan a propor a participación de mediadores externos como, por exemplo, dous profesores das universidades de Vigo e Barcelona que mostraron a súa disposición a escoitar ás partes.

As iniciativas foron comunicadas hoxe durante unha entrevista co tenente de alcalde, Antón Louro, quen se comprometeu a manter unha «liña de comunicación o máis áxil posible» cos afectados e a colaborar na procura dunha solución «para un asunto que non é nada fácil».

Comentarios