A reforma do parque deportivo do Mercantil permitirá o seu uso público

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, asinou este luns un protocolo de colaboración co máximo responsable do Casino Mercantil e Industrial, Roberto José Vega, para a remodelación das instalacións deportivas desta entidade, situadas no lugar de Cons (Mourente).

Mediante este acordo a institución provincial comprométese a investir 125.000 euros na que será primeira reforma integral que se acomete nestas instalacións desde que foron creadas hai tres décadas. Os traballos consistirán na remodelación das tres pistas centrais de tenis (cuxo firme será tratado con resina sintética), a adecuación dos accesos e do aparcadoiro interior do recinto, o acondicionamento da Casa de Campamentos e a dotación de diferente material audiovisual.

Louzán anunciou que a actuación comezará no mes de xuño e que parte dos traballos serán executados con medios propios da Deputación, a través das brigadas de Obras do Parque Provincial de Maquinaria.

O dirixente provincial destacou que se trata dunha colaboración ''moi importante'' e recordou que estas instalacións non só serán usadas polos máis de 800 socios do Mercantil, senón que estarán abertas a todos os cidadáns e tamén á celebración de actuacións deportivas de carácter xeral, por canto a reforma das instalacións acométese con fondos públicos.

Precisamente, os responsables do Casino informaron que acaban de solicitar á Federación Española de Tenis a celebración dun torneo internacional junior que tería lugar en xaneiro de 2012.

Estas actuacións responden as demandas formuladas pola xunta directiva do Casino Mercantil na visita que efectuou Rafael Louzán o pasado mes de marzo. A sede deportiva do Casino Mercantil, situada en núcleo de Cons, está dotada con sete pistas de tenis, un pavillón deportivo e dúas piscinas (unha delas é a única olímpica ao aire libre da cidade).

Estas infraestruturas están a ser utilizadas asiduamente por máis de 300 rapaces e novos a través dos programas que a asociación ten establecidos, non só para os seus asociados senón tamén para outras entidades como, por exemplo, o Centro de Tecnificación Deportiva da Xunta. Debido o uso intensivo que se lles deu durante máis de 30 anos presentan na actualidade unhas condicións deficientes, especialmente as pistas de tenis, que fan necesario acometer nelas unha serie de traballos de mellora coa intención de recuperar aos socios que se deron de baixa por non poder utilizar as instalacións.

Roberto José Vega (que acudiu á cita con Louzán acompañado dos directivos Ernesto Filgueira e Vicente Pena) agradeceu a colaboración da Deputación na recuperación das instalacións deportivas e manifestaron a súa boa disposición para abrir as dependencias do Mercantil a todo tipo de accións culturais e deportivas que lle poida propor a institución provincial. Así mesmo e con motivo da remodelación a directiva manifestou que levarán adiante unha nova campaña de captación de novos socios, así como a súa intención de abrir as instalacións á Pontevedra a toda a cidadanía.

Comentarios