jueves. 27.01.2022 |
El tiempo
jueves. 27.01.2022
El tiempo

A Lama convértese nun referente nacional polos seus 'módulos-respecto'

A prisión provincial da Lama abriu as súas portas a centenares de invitados e autoridades na xornada deste venres, con motivo da celebración da festividade da Mercé. José Antonio Gómez Novoa, director da institución penal, fixo de cicerone para mostrar ao exterior que hai outra vida intramuros, e intentar pór de manifesto que non todo é sufrimento entre os 1.539 internos que, a día de hoxe, compoñen a poboación reclusa que cumpre condena en Pontevedra. ''Quero recoñecer o labor de todos os internos, que se implicaron en proxectos de convivencia e respecto, no módulo terapéutico de deshabituación de droga e noutros moitos programas que se realizan no centro'', explicou Gómez Novoa durante a súa intervención.

Os 'módulos-respecto' convertéronse, precisamente, na xoia da coroa da prisión da Lama. ''Máis do 60 por cento dos internos están situados en módulos- respecto do centro'', subliñou o director. ''Estou convencido de que o futuro da institución pasa por incrementar os espazos de convivencia e intervención terapéutica. Na Lama xa convertemos en maioritarios estes espazos e somos unha referencia a nivel nacional'', engadiu.

Medios telemáticos

Outro dos avances que experimentou o centro nos últimos meses foi o do aumento de penados que, mediante medios de protección telemáticos, acceden a situacións dunha maior liberdade que, sen eles, non poderían alcanzar. Estes internos, un total de 59 (50 homes e nove mulleres) dependen directamente do CIS Carmen Avendaño, onde tamén residen (segundo que días) os reclusos que alcanzaron o terceiro grao penal, que neste momento son 127.

Gómez Novoa debullou programas de intervención que levan a cabo no penal, entre os que destacan os que se dirixen aos agresores de violencia de xénero, os que afectan a delincuentes sexuais ou as actividades culturais e deportivas, ''tamén moi importantes'', concluíu.

A Lama convértese nun referente nacional polos seus 'módulos-respecto'
comentarios