As obras de mellora da estación serán contratadas antes de finalizar o ano

Vehículos aparcados delante de la estación de autobuses (Foto: Rafa Fariña)
photo_camera Vehículos aparcados delante de la estación de autobuses (Foto: Rafa Fariña)

PONTEVEDRA. As obras de mellora da estación de autobuses que asumiu a Xunta de Galicia serán licitadas despois do verán, polo que, se todo transcorre sen imprevistos, poderían ser contratadas e incluso iniciadas antes de finalizar o ano.

Os traballos foron presentados hoxe polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e o director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, no marco do Plan Renove, un programa ideado para mellorar o aspecto e funcionalidade de 37 estacións de autobuses galegas.

Segundo avanzou este xornal a semana pasada, a actuación dividirase en dous bloques. Un deles perseguirá mellorar a accesibilidade. Así, substituiranse as escaleiras mecánicas "por otras de ancho mayor o un nuevo ascensor", colocaranse dúas portas novas nos aseos "con el ancho reglamentario" e cambiarase o montacargas por un elevador.

Doutra banda, levarán a cabo traballos deseñados "para evitar un mayor deterioro de las instalaciones", segundo adiantaron responsables da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a semana pasada. Así, repararanse as humidades e pingueiras detectadas, mellorarase o pavimento das dársenas, reporanse os azulexos deteriorados, acondicionaranse os aseos e renovaranse as luminarias que se atopen en mal estado.

Polo momento, descoñécese o prazo de execución e o orzamento, aínda que o conselleiro confirmou que o Plan contará cun investimento de 4,2 millóns de euros para os próximos tres anos, dos que 1,6 gastaranse este mesmo ano.

A actuación contempla varias intervencións, pero o certo é que se afasta da reforma integral que solicitan usuarios e forzas políticas desde o Concello. Ademais, a Xunta insiste en que as empresas concesionarias deberán encargarse de todos os traballos relacionados "co correcto mantemento e conservación das instalacións", pero as 18 firmas que operan na terminal de Pontevedra entenden que xa cumpriron co seu labor ao pintar a zona das dársenas e o vestíbulo e ao arranxar a cuberta.

Así, pódese dicir que haberá cambios, pero de pouco calado.

Comentarios