sábado. 27.02.2021 |
El tiempo
sábado. 27.02.2021
El tiempo

Lores prioriza o traslado do nó de Bombeiros sobre toda obra na AP-9

«En Pontevedra hai unha cuestión urxente ó respecto da autoestrada, que é a remodelación do nó de Bombeiros». O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, priorizou onte a reordenación do tráfico neste enlace sobre calquera outra actuación na autoestrada.

A intensidade do tráfico e a mala distribución do «dobre bucle», en palabras do rexedor, dificultan en numerosas ocasións a circulación, que se retarda enormemente nas horas punta, coa consecuente lentitude para acceder á cidade de Pontevedra.

«A remodelación é un tema urxente, ó igual que o traslado desde nó», sinalou Fernández Lores, que de novo puxo sobre a mesa a necesidade de desprazar a intersección cara a San Caetano, na parroquia de Alba. A proposta municipal facilitaría, ademais, a conexión da ponte das Correntes, cuxa construción xa deu comezo.

O mandatario municipal volveu mostrar o seu rexeitamento a unha posible ampliación da ponte da autoestrada, unha idea pola que si apostou a Consellería de Política Territorial en 2008. A titular do departamento autonómico, María José Caride, coñeceu de inmediato a postura do alcalde: a ponte non debeu construírse no lugar que ocupa polo seu gran impacto paisaxístico, e o Concello non está disposto a consentir a súa ampliación. Non apoia, tampouco, a dotación de máis carriis na autoestrada, pero Lores puxo especial énfase ao referirse á ponte.

«Coa remodelación dese nó, a construción dun novo en San Caetano e coa axilización da A-57 e a súa conexión con Barro o problema quedaría resolto cara ó futuro», indicou Fernández Lores. O Ministerio de Fomento está a traballar para satisfacer esta demanda, «unha esixencia do Goberno municipal» que foi transmitida en reiteradas ocasións a responsables da carteira que dirixe Magdalena Álvarez.

Lores prioriza o traslado do nó de Bombeiros sobre toda obra na AP-9
comentarios
ç