Os atracadores da sucursal da Cañiza piden perdón á familia do garda civil falecido

Os procesados por atracar unha sucursal bancaria no municipio da Cañiza (Pontevedra) pediron perdón este xoves á viúva e fillos do garda civil falecido durante o atraco.

Este xoves quedou visto para sentenza o xuízo contra os tres homes acusados o atraco a unha oficina bancaria da Cañiza en agosto de 2010 no que un axente da Garda Civil resultou falecido e outro ferido durante un tiroteo.

O fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, solicita a mesma pena para os tres procesados, 25 anos para cada un, imputándolles homicidio e tentativa de homicidio a José V., alias 'Pepiño', a José Angel M.M., 'El Peque', e Fernando C..

O fiscal entende que existiu dolo eventual, é dicir, os tres "dominaban a acción e a intención non era só roubar senón cantas consecuencias accesorias fosen necesarias".

Os avogados da defensa cualificaron esta estratexia da Fiscalía como "unha vinganza indiscriminada" e alegaron a favor dos seus clientes circunstancias atenuantes como lexítima defensa sobrevinda, drogadicción, incluso o baixo coeficiente intelectual, no caso de Fernando C..

O presidente do tribunal, o maxistrado José Juan Barreiro Prado, deu a oportunidade aos procesados dunha última intervención que aproveitaron para pedir perdón á familia do axente falecido, Jorge Piñeiro. Nese momento, a viúva e os pais do garda civil non puideron conter as bágoas e abandonaron a sala en silencio.

"Non quería facer iso"

O primeiro en falar foi José Vilar, autor confeso dos disparos que acabaron coa vida do garda civil: "síntoo moito, especialmente pola familia e polos fillos. Eu non quería facer iso". A continuación pediu ao tribunal que analizase ben as balas para comprobar que "o que disparou primeiro foi o garda civil".

Pola súa banda, 'El Peque' dirixiuse ao tribunal para dicir: "sinto moito o que pasou. Quero que me condenen polo que fixen: por un intento de roubo e non polo que ao final sucedeu fortuítamente".

Ademais, explicou que non contestou as preguntas do fiscal nin das acusacións particulares "porque antes de ser detido xa estaban a saír pola televisión". "E durante estes tres anos, acusándome directamente de ser o asasino cando xa quedou demostrado que eu nin sabía da arma nin sabía nada", sostivo.

Finalmente insistiu: "sinto moito o da muller do falecido e os fillos". Pola súa banda, Fernando C. limitouse a sinalar: "síntoo moito e nada máis".

Comentarios