Louzán defende a necesidade dun Plan Renove para o sector turístico das Rías Baixas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, defendeu este mércores a necesidade dun "Plan Renove" para incentivar a renovación e adecuación das infraestruturas turísticas.

Segundo manifestou Louzán, as expectativas para 2014 son mellores que as do pasado ano "pero é preciso que as institucións públicas vaian da man do sector, en perfecta coordinación, para mellorar as infraestruturas, en moitos casos obsoletas ou desfasadas, e a competitividade".

A modo de exemplo, o presidente da institución provincial sinalou que complexos hostaleiros emblemáticos, como algúns paradores ou o propio Gran Hotel da Toxa, "necesitan melloras urxentes que poden ser impulsadas a través dun Plan Renove para o sector".

Así mesmo, o titular da institución provincial adiantou que a Deputación planificou toda unha serie de eventos para promocionar as Rías Baixas "que van desde o Congreso Mundial da Camelia, ata o Campionato Mundial de Surf pasando polas dúas etapas da Volta a España ", e outros eventos que se están ultimando.

Neste marco, destacou a importancia do Turismo Cultural, "a modalidade que máis gasta e máis ingresos xera ao tratarse dun segmento social de medio ou alto poder adquisitivo". Por este, motivo a promoción das Rías Baixas en Fitur incluirá a presentación de dúas novas rutas: a dos castelos e a dos xacementos, que serán presentadas o venres 24, ás 12 horas, co título "Rías Baixas nos albores da historia".

SMART DESTINOS E MADRID FUSIÓN

Outra novidade que Pontevedra levará a Fitur será o proxecto Smart Destinos Intelixentes, cun investimento de 2,5 millóns. Trátase da creación dunha plataforma, en colaboración cos establecementos hostaleiros da provincia, que posibilita información en tempo real e un turismo 2.0..

A maiores desta oferta, a provincia de Pontevedra estará en Madrid Fusión do 27 ao 29 de xaneiro. Cada día dedicarao a unha temática diferente, fusionando produtos tradicionais con novas técnicas de cociña que interpretan pratos tan típicos como o Cocido, Polbo Feira ou menús elaborados con Conservas.

Comentarios