Máis de 25 entidades e asociacións recrearán o ambiente medieval da Feira Franca

El torneo medieval en la plaza de toros de la edición anterior. RAFA FARIÑA
photo_camera El torneo medieval en la plaza de toros de la edición anterior. RAFA FARIÑA

Un total de 26 asociacións e entidades colaborarán para o bo desenvolvemento da Feira Franca. As primeiras tarefas de organización xa comezaron para que o próximo fin de semana a cidade brille con luz propia. Tanto o venres 5, como o sábado 6, a música e a danza medieval, as exhibicións de esgrima, de tiro con arco, de cetrería e de confección de papel vexetal, así como os obradoiros de astronomía, escritura medieval e os torneos medievais, poderanse gozar a pé de rúa.

Nesta décimo quinta edición, dedicada a dar a coñecer aos cidadáns a percepción do ceo tal e como se facía séculos atrás, as asociacións astronómicas Sirio e Fins ten moito que ver. Ademais de realizar obradoiros de astronomía medieval, durante o último mes realizaron incontables actividades: charlas, visitas guiadas ao observatorio de Cotobade e numerosos obradoiros sobre a visión astronómica da época.

Para inaugurar a celebración, as compañías Kull D'sac e Troula encargaranse do espectáculo ‘Un ceo para mil culturas', e a asociación de Coros e Danzas Duos Pontes emprenderán os bailes medievais na Praza do Teucro. Así mesmo, prepararase unha taberna medieval situada na parte posterior da Casa do Concello con ambientación do espazo, animación na rúa, venda de produtos gastronómicos e cea medieval con espectáculo de danza e música.

O sábado, desde as 11.30 horas, comezará un novo espectáculo que dará o pistoletazo de saída co transporte do viño desde Santa Clara ata a Peregrina. Un acto que, como xa é habitual, protagonizarán a Asociación Recreativa de Xeve e a entidade Art Monium. Compradores, campesiños e arrieros acompañados por animais transportarán o viño e demais produtos tradicionais. O grupo irá escoltado polos gardas do antigo coto de Xeve, encabezados polo señor do Pazo de Gondar.

Montero Ríos será un enclave determinante para diversas exhibicións. A Escola Hungaresa levará a cabo unha demostración de esgrima e realizará obradoiros desta arte combativa, que ademais tamén se realizará nas prazas de Curros Enríquez e da Ferrería a cargo do grupo Mercenarios do Norte. Tamén se fará unha exhibición de cetrería a cargo de Falcóns de Galicia, haberá espectáculos de danza que prepara o Club Treboada e unha demostración de tiro con arco do Club Boa Vila, unha competición de tiro con arco clásico, con frechas, plumas naturais e hastas de madeira dispoñibles para todo o público que vaia vestido de época e que circule por esta concorrida avenida.

A praza de touros acollerá un torneo medieval do grupo Legend Especialistas e haberá numerosas actividades de animación medieval durante todo o día no centro da cidade, que correrán a cargo de Olodum do Coio, Errantes, O Kamal e Art Monium. Tamén participará Foula, con cantárelos de cego e a asociación cultural Pola Vila, que recitará as Cantigas de Afonso X e porá a banda sonora ás escenas que se vivirán na cidade.

Asociacións como Fins, A Feitiña, Alba, Cedofeita ou Meiro-Curvo impartirán obradoiros de astronomía, palillado, cerámica, papel vexetal e construción de alpendres tradicionais nos soportais e prazas da zona monumental. Outros, como as asociacións de veciños San Bieito de Lérez e Salcedo Norte prefiren render tributo á época con comidas e xogos tradicionais.

Ao detalle: Posta en escena

O Concello xa comezou as actividades de montaxe para a ambientación da festa, na que se empregarán 5 quilómetros de tea e colocaranse 500 estandartes para a posta a piques de fachadas e rúas, ademais das teas de saco e o papel.

Como cada ano, colocaranse tres portas en cidade e construirase unha muralla medieval xunto ao edificio do Concello. Dragones, elfos e circuítos infantís xogarán un papel importante para os nenos aínda que, este ano, faltará o habitual castelo medieval.

Comentarios