Mosquera desdice ao PSOE ao asegurar que Pasarón xa é municipal

O órdago lanzado pola Deputación para que o Concello recepcione xa as obras do estadio de Pasarón, un trámite que o grupo municipal socialista supedita á finalización dunha auditoría técnica pendente, foi compartido onte polo concelleiro de Infraestruturas, Cesáreo Mosquera. O edil do BNG asegurou que «o campo de fútbol é municipal a todos os efectos», o que, na práctica, supón desdicir ao seu socio de Goberno, o PSOE.

Mosquera entende que non debe haber discusión respecto da titularidade da infraestrutura deportiva que actualmente utiliza en exclusiva o Pontevedra Club de Fútbol. «Os trámites poden terse formalizado ou non, pero a obra está recepcionada dende ou mesmo momento en que se lle está a dar un uso público á instalación. O que non se precisa é un papel para formalizalo. O campo é municipal dende que a Deputación acabou as obras (é dicir, desde outubro de 2012)», resolveu.

O Bloque sostén que a titularidade efectiva do estadio «non ofrece discusión», pero comprende o debate xerado ao redor do sobrecusto da reforma, cuxo prezo se duplicou tras varios modificados de contrato: un deles irregular, como no seu día alertou o Consello Consultivo de Galicia.

O PSOE reclama responsabilidades políticas polo desfasamento económico do campo. De feito, solicitou en público a dimisión do presidente da Deputación, Rafael Louzán. Con todo, e tras denunciar as irregularidades cometidas no proceso de obras, os socialistas non viron oportuno trasladar o expediente administrativo que aínda examinan os técnicos municipais aos tribunais.

Os gastos

Louzán comunicou a semana pasada por escrito ao Concello de Pontevedra que, a partir do próximo 1 de abril, non asumirá «ningún custe derivado das instalacións destas obras». A institución provincial asegura que no último ano pagou con fondos públicos servizos como a factura da luz e o mantemento do céspede e as instalacións, o que lle supuxo un desembolso de máis de 100.000 euros.

Mosquera asegurou que os gastos do campo que ata agora sufragou a Deputación imputaránselle ao Pontevedra C.F. «Se quere xogar en Pasarón terá que asumir os gastos», recordou o edil, que recoñeceu que o Goberno local non pode descartar colaboracións puntuais para manter en bo estado de revista esta infraestrutura municipal.

A recepción oficial e non tácita das obras de Pasarón atrasa tamén a posta a disposición dos veciños do Burgo dun local social no interior do estadio, afectado por filtracións de auga. As obras neste local de máis de 270 metros cadrados, nos que o Goberno local prevé investir máis de 80.000 euros, non poden efectuarse ata que a infraestrutura pase formalmente a mans do Concello.

Comentarios