O Banco de Alimentos atende a 2.000 persoas ao mes na comarca

A ONG aumentou de seis a once as toneladas de comida que reparte entre as asociacións caritativas
Almacén de la sede del Banco de Alimentos de Pontevedra
photo_camera Almacén de la sede del Banco de Alimentos de Pontevedra

O Banco de Alimentos leva preto dun ano operando na cidade e os seus arredores, e nese tempo foi aumentado tanto a cantidade de alimentos que reparte como o numero de persoas que se benefician do seu labor a través de distintas asociacións caritativas en Pontevedra.

A sede viguesa do Banco de Alimentos leva máis de 20 anos realizando o seu labor comunitario, pero aínda que a sucursal na cidade é relativamente nova, a súa expansión foi exponencial, e con ela o numero de familias que se ven beneficiadas polo seu servizo.

Afonso García Limeses, presidente da sede local da entidade, sinala que o número de beneficiarios do labor do Banco de Alimentos aumentou ao redor dos 600 en Pontevedra e arredores e que actualmente rolda as 2.000 persoas ao mes. O aumento desta cifra poderíase explicar por un cambio no perfil dos beneficiarios.

A organización encárgase de achegar alimentos básicos e produtos de primeira necesidade ás familias co fin de suplir un 30% das súas necesidades, asegurándose así que estas poidan subsistir, sen depender unicamente da axuda que a entidade lles proporciona, tal e como está estipulado polo Banco Mundial de Alimentos.

A organización benéfica realiza a súa actividade abastecendo de alimentos a entidades como Cáritas parroquiais, igrexas evangélicas ou algunha ONG que se dedique a atender directamente á xente, ás cales prové dun total de once toneladas de comida ao mes, que serven para alimentar a un número de persoas que se atopa en constante crecemento.

A entidade pontevedresa recibe as dotacións de alimentos de distintas fontes. Unha delas son as colaboracións con empresas do sector alimentario, especialmente o lácteo, dada a demanda que existe deste tipo de produtos.

Outra estratexia que se emprega son as chamadas ‘Operacións quilo’, xornadas periódicas de recollida que o Banco de Alimentos realiza nos distintos supermercados da súa zona de actuación, que representan, xunto coa campaña do mes de novembro, o groso das recadacións da organización.

Gran parte dos produtos que chegan aos máis necesitados a través de organizacións caritativas que pasan un estrito control por parte da entidade, co fin de asegurar que o servizo que prestan ás familias é adecuado, para o que o Banco de Alimentos realiza inspeccións periódicas.

En Pontevedra a maior parte dos alimentos recolleitos van parar ás distintas sedes de Cáritas, aínda que un dos puntos que máis comida reparte é o comedor social de Marín, que presta os seus servizos a unhas 80 persoas e reparte alimentos a 200 familias.

Comentarios