O Demo enfeitizou a cativos e grandes con moita graza na véspera de San Bartolomeu

PONTEVEDRA.Como vén sucedendo dende hai 13 anos, a cidade recibiu a visita de Lucifer durante a véspera de San Bartolomeu. O señor do inframundo tentou levar tantas almas inocentes como puido ao averno, pero, un ano máis, foron os pontevedreses quen venceron á criatura da noite.

Nesta ocasión o amo do máis alá apostou por renovar o seu plantel de traballadores e mandou a un novo Satán para substituír a Miro Magariños, xa ben coñecido polos nenos da cidade por ter sido o heraldo dos habitantes do inferno durante doce anos.

O encargado de roubar as almas dos cidadáns foi o actor de teatro e televisión Xosé Manuel Esperante. Esperante apareceu ao mediodía nos arcos de San Bartolomeu entre unha nube de fume e acompañado dun séquito infernal formado por trasnos e estilizados homes de negro e vermello que tiñan en gran estima os seus chapeus.

Satán, que sabe máis por vello que por Demo, empregou nesta ocasión unha técnica senón novidosa, sempre efectiva, para roubar as almas dos viandantes. Esperante sabe que se cazan máis moscas con mel que con fel, así que se puxo mans á obra sen tardar nin un minuto e sacou a bailar a máis dun rapaz ao ritmo da ‘Saia da Carolina’, que interpretaba o grupo Foula.

Os cativos máis ousados achegábanse a Lucifer coa intención de roubarlle o rabo, mais no canto de acabar enleados, remataron danzando con Esperante. Os bailes prolongáronse ata a praza da Verdura, onde un dos axudantes do Demo, que tamén lle entregaba nenos como tributo, fixo que os rapaces formaran unha ringleira para tentar entre todos roubarlle o rabo ao seu superior. Non obstante, esta artimaña do trasgo chaqueteiro non funcionou xa que o rabo resistiu perfectamente o tirón e no seu lugar formouse unha conga que seguiu ao Demo ata a praza da Ferraría.

Comentarios