Pontevedra lanza unha consulta veciñal para mellorar o servizo de abastecemento

Os pontevedreses poden enviar suxestións a través da web para perfilar o futuro contrato
Una persona enjuagando un vaso.
photo_camera Una persona enjuagando un vaso.

O Concello lanzou unha consulta veciñal para mellorar o servizo de abastecemento de auga de Pontevedra. A convocatoria lanzouse a través da páxina web municipal e, nela, o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González Carballo, pide aos cidadáns que fagan as súas achegas ao futuro regulamento do contrato da auga, que se atopa prorrogado ata febreiro do ano que vén.

Os interesados poden enviar as súas suxestións a través do portal do Concello (www.pontevedra.gal), no que se habilitou un formulario, no prazo de dez días hábiles. Os participantes poderán achegar as súas ideas en ata catro apartados distintos: os problemas que se pretenden solucionar coa nova normativa, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos da norma e as posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.


A canle de participación a través do portal do Concello contabilizou 1.120 preguntas ou queixas de cidadáns en 2016

Aínda que a iniciativa é aberta, o certo é que o Gobieno local remitiu a mesma a varios colectivos da cidade. En concreto, ás tres federacións veciñais (Castelao, Teucro e Boa Vila), á Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra (Aempe) e á Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Rías Baixas.

A empresa que se faga cargo do novo contrato de abastecemento deberá asumir máis servizos. Entre eles figuran toda a rede de pluviais e as 152 fontes públicas que o Concello ten contabilizadas no ámbito urbano e no rural.

A adxudicataria deberá xestionar ademais o mantemento dos contadores domésticos e das acometidas, un gasto que ata agora repercutía directamente no peto dos pontevedreses e nas arcas municipais, respectivamente.

Ademais destas tarefas, o novo servizo da auga tamén terá que ocuparse das novas estacións de bombeo, como a do Castro, en Mourente, cuxa conservación anual se cifra en ata 70.000 euros. A galería de servizos e a rede de tubaxes en alta, que van desde a captación no Lérez ata a potabilizadora, engadiranse ao futuro contrato.

Os técnicos municipais cifran o custo deste servizo nuns 6,1 millóns de euros ao ano. A duración do contrato será de 20 anos.

En paralelo a esta consulta, o Concello mantén abertos varias canles de participación cidadá. Un deles faise a través da páxina web municipal, que o ano pasado recibiu 1.120 correos. A maior parte das queixas ou preguntas foron por temas como a cultura ou as festas (114), limpeza (97), obras (92), tributos (84), medio ambiente (84), padrón (83), mobilidade (70), urbanismo (70), benestar (61), emprego (49), policía (45), parques (34), protocolo (31) ou persoal (30).

Comentarios