Salcedo recolle firmas a favor dunha casa de cultura máis grande

PONTEVEDRA. A plataforma creada por varios veciños de Salcedo para reclamar unha "casa de cultura digna" iniciou unha campaña de recollida de firmas en Internet e a pé de rúa para intentar paralizar o proxecto elaborado polo Concello e introducir cambios no mesmo.

Polo momento, levan recompiladas máis de 200 rúbricas de particulares que secundan a súa proposta de aplicar un xiro de 180 graos no proxecto para poder aumentar as súas dimensións e calidades. Segundo denunciou hoxe o portavoz da plataforma, Francisco Javier Lavía, o Concello pasou de proxectar unha casa de cultura con espazo para 400 espectadores e sete aulas diferenciadas a unha cunha sala para 120 persoas. Esta poderá ser dividida en subespacios para os distintos colectivos da parroquia, con todo, o sistema tampouco convence aos afectados. "Prevén usar uns paneis insonorizadores que só resisten os 16 decibelios, algo ilóxico para as actividades culturais que se celebran en Salcedo", engadiu o portavoz.

A plataforma asegura que o propio arquitecto municipal admitiu ante varios veciños que a última versión do proxecto non se axusta ás necesidades das entidades culturais que desenvolven a súa actividade en Salcedo. Por iso, avoga por dar marchar atrás e reconsiderar as características do inmoble, que pasou dun orzamento dun millón de euros a un de 600.000 euros.

Pola parte que lles toca, os integrantes da plataforma aceptarían a segunda versión do proxecto, que contemplaba unha sala multiusos con capacidade para 250 persoas e cinco aulas. "Son os mínimos que estamos dispostos a aceptar", precisou o portavoz.

á parte da recollida de firmas, o colectivo puxo en marcha varias iniciativas. Entre elas, destaca a publicación dun manifesto (no que recollen todas as súas reclamacións) nas redes sociais, a repartición de panfletos e a celebración de reunións coas distintas asociacións da parroquia. O seu obxectivo será común: "lograr que todo o mundo poida coñecer as caracterísitcas deste proxecto, unha casa que hipoteca o futuro cultural de Salcedo e que non foi consensuada de xeito unánime. Hai moitos colectivos que non están de acordo".

A plataforma tamén está disposta a reunirse coas distintas forzas políticas que mostren interese en dialogar. Iso si, de entrada, descarta solicitar unha entrevista cos responsables municipais do proxecto. "Somos un colectivo ligado ao mundo da cultura, pero apolítico e non queremos forzar a negociación, senón informar e que cada veciño faga chegar a súa opinión".

Comentarios