Sete carrozas acompañarán aos reis meigos nunha cabalgata de Pontevedra

A cabalgata de Reyes en Pontevedra contará, este ano, con sete carrozas e unha tonelada de caramelos sen gluten, que repartirán Gaspar, Melchor e Baltasar a través dun novo percorrido urbano, xa que as obras da praza de España obrigou a variar o trazado do desfile.

A edil de Festas, Anxos Ribeiro, subliñou que os cambios realizados neste percorrido "serán toda unha proba de lume" para a organización.

En opinión da edil nacionalista a pesar da novidade "o percorrido vai ser máis vistoso que outros anos, sobre todo polas zonas por onde vai discorrer".

O que o Concello non estaba disposto a aceptar é que perdese o carácter urbano e por iso comezará na avenida Reina Vitoria e finalizará na Avenida de Vigo, "o que permitirá que os nenos poidan ver, moito mellor que antes a cabalgata".

Se o novo percorrido funcionase, Anxos Ribeiro xa confirmou que se repetirá para outros desfiles e eventos que se realizan ao longo do ano.

En canto ao operativo de tráfico previsto para o vindeiro luns pola tarde, "xa se comezou a preparar", porque en moitas rúas foron instaladas os valos que recordan aos cidadáns que non se debe estacionar nesas rúas os seus vehículos para non entorpecer o desenvolvemento da cabalgata.

"Durante as horas do desfile estará, ademais, restrinxido o tráfico aos vehículos por todas as vías por onde circule a cabalgata, aínda que en Fernández Ladreda, onde conclúe o desfile, intentarase que a retención sexa a menor posible, xa que conflúe coa avenida de Vigo e xa que logo, cunha das saídas máis importantes da cidade", engadiu a responsable do departamento de Festas.

"O que lle pedimos á cidadanía é comprensión e que, ou ben adianten ou atrasen a súa saída da cidade por esas vías ese día".

A comitiva que acompañará aos Reis Meigos será, segundo Anxos Ribeiro, "moi vistosa", xa que ata participará a compañía de animación Os Quinquilláns.

Comentarios