Sete festivais das Rías Baixas intégranse baixo unha denominación común

A iniciativa aglutina a Cultura Quente, Atlantic Fest, Portamérica, Sinsal, SonRías Baixas, O Marisquiño e Revenidas, que conforman "un paquete turístico equilibrado de lecer e cultura"

Sete festivais que se celebran nas Rías Baixas entre finais de xuño e mediados de agosto decidiron unirse baixo a marca común Festivais Rías Baixas para así converterse nunha "referencia" cultural en España. Trátase dunha proposta "pioneira" que aglutinará á Cultura Quente (Caldas de Reis), Atlantic Fest (A Illa de Arousa), Portamérica (Nigrán), Sinsal (Redondela), SonRías Baixas (Bueu), O Marisquiño (Vigo) e Revenidas (Vilagarcía de Arousa).

"É a oferta máis completa que se pode dar en Galicia, ao ofrecer un paquete turístico equilibrado de lecer e cultura moi vinculado ao territorio", sinalou Julio Álvarez, organizador do Sinsal que na presentación deste xoves exerceu como portavoz do colectivo apadriñado pola Deputación de Pontevedra. E é que os distintos festivais presentan unha "ampla variedade" de estilos musicais para todos os públicos, engadindo experiencias turísticas e gastronómicas, demostracións de cultura urbana e deportes de acción e impulsando grupos musicais emerxentes e actuacións de artistas nacionais e internacionais consagrados.

Durante o acto celebrado no Museo de Pontevedra, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrouse "apaixonada, contenta e feliz" ante esta iniciativa cultural que ao seu xuízo proxecta unha imaxe "innovadora, moderna, diferente, vangardista e auténtica" das Rías Baixas. Así, recoñeceu que "poucas veces" presenta algo que a teña "tan impresionada".

"Hai moitas razóns para visitar as Rías Baixas pero esta é unha das máis relevantes", reivindicou, consciente da importancia que teñen estes festivais para o turismo, ao complementar con música e as súas actividades paralelas a oferta de praias, gastronomía, termalismo, cultura, riqueza arquitectónica ou deportes de aventura da zona.

Comentarios