Unha pena leva máis de 140.000 euros cunha quiniela de 14 acertos

Nin o Gordo de Nadal nin o sorteo do Neno. A sorte dos xogos de azar vén a Pontevedra noutras épocas do ano. A cidade do Lérez está de sorte esta tempada e o domingo, por segundo día consecutivo, volveu a sorte en forma de millóns.. 
Nesta ocasión, foi unha pena de amigos a que conseguiu un bote de 142.422 euros, grazas a unha quiniela con catorce acertos que selou na administración número 4 de Pontevedra, situada na rúa Reina Vitoria.
A administradora deste establecemento, Carmela Díaz, mostrábase onte moi satisfeita por conseguir o premio para a cidade e indicou que as persoas gañadoras, unha pena de amigos que roldan a trintena de idade, son clientes habituais do establecemento.
“Xa viñeron por aquí”, dixo, “querían saber onde podían cobrar o premio, leváronse máis de 23 millóns de pesetas, un bo tanto”, comentaba emocionada mentres explicaba que “selaron unha quiniela reducida ao 12 e agarraron unha de 14”. Co cal, gastáronse menos diñeiro e saíulles rendible.
Con este premio do domingo, xa son máis de 4,4 os millóns de euros que caeron' na cidade de Pontevedra durante o fin de semana. De feito, a Administración de Loterías número 3, situada no centro comercial Carrefour de Salcedo, continúa buscando ao propietario do boleto da Primitva agraciado con máis de catro millóns de euros no sorteo extraordinario do pasado sábado.
Normalmente, este tipo de premios incrementan as vendas nos locais nos que se rexistran os premios. A administración de Carrefour púidoo comprobar durante estes días, posto que  máis clientes están a selar neste local os seus boletos, principalmente para a Primitiva. Así mesmo, na administración da rúa Reina Vitoria, na que se selou a primitiva gañadora de máis de 140.000 euros, tamén esperan que aumenten o volume de negocio e repartir máis sorte entre os clientes de Pontevedra.Do mesmo xeito que a pena gañadora da quiniela con catorce acertos en Raíña Vitoria, o propietario da administración número 3 de Carrefour, Antonio Valiñas, dixo onte que descoñecía a identidade da persoa premiada, aínda que declarou que está convencido de que o afortunado é un cliente habitual do centro comercial de Salcedo, posto que o 80% dos seus clientes reside na contorna e acode con frecuencia a Carrefour.

Comentarios