Xuntos baralla o traslado ó edificio da Once

A Asociación de Síndrome de Down de Pontevedra, Xuntos, baralla trasladar a súa sede de Cobián Roffignac ó futuro centro cívico que o Concello quere abrir na antiga residencia da Once en Campolongo. Así o adiantou hoxe o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, trala visita ás obras que actualmente se están a levar a cabo no edificio.

Os temporais de inverno provocaron importantes danos no tellado e na estrutura do inmoble. Para facerlles fronte, o Goberno local contratou o seu arranxo por algo máis de 133.000 euros. «Poñeranse en condicións os baixantes e o tellado e arranxaranse as humidades interiores», explicou Fernández Lores.

Unha vez que rematen os traballos, para os que se establece un período de aproximadamente dous meses, o inmoble poderá acoller os seus primeiros ocupantes. Serán tres asociacións veciñais, Amigos de Campolongo, Estrigueiras e Salcedo-Norte, que ocuparán o andar baixo e o semisoto.

Convenio

«Nos andares superiores haberá que facer algún investimento se algún colectivo cívicosocial quere utilizalos», indicou o alcalde, que estivo acompañado durante a súa visita por responsables da Once, concelleiros do BNG e representantes dos colectivos veciñais que se mudarán ó nomeado inmoble, que é de titularidade municipal.

A posta en marcha do gran centro cívico do Sur de Pontevedra suporá a vixencia do convenio entre o Concello e a Once, que presentará un proxecto para urbanizar unha parte da súa parcela en Campolongo, un requisito indispensable para manter vivo o convenio entre ambas entidades.

Comentarios