domingo. 15.09.2019 |
El tiempo
domingo. 15.09.2019
El tiempo

"Non ten nada que ver o que é o fútbol por dentro ao que é o fútbol por fóra"

Javier Picallo durante a charla que mantivo co xornalista deportivo Xaime Nogueira. RAFA FARIÑA
Javier Picallo durante a charla que mantivo co xornalista deportivo Xaime Nogueira. RAFA FARIÑA

O avogado Javier Picallo clausura a quinta edición do ciclo ‘Conversas na UVigo'

Un repaso ao que é o mundo do fútbol profesional visto desde dentro, sen obviar a súa parte máis turbia, foi o que fixo o avogado, representante de xogadores e directivo do Club Cisne Balonmán Javier Picallo no que foi a última cita do curso de Conversas na UVigo, o ciclo que organizan de forma conxunta Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo. O xornalista deportivo Xaime Nogueira falou con Picallo da súa experiencia persoal como axente de futbolistas e este acabou confesándolle que estivera tentado a abandonar esta faceta profesional moitas veces. "Non ten nada que ver o que é o fútbol por dentro ao que é o fútbol por fóra".

O avogado pontevedrés comezou explicando que, para el, un bo representante ten dúas funcións fundamentais: primeiro, facer visibible a un xogador e, despois, defender os seus intereses. "Ou o que é o mesmo: promoción e asesoramento".

Picallo recordou que el se meteu no mundo do fútbol profesional, 25 anos atrás, dunha forma un tanto inxenua e cando a figura do axente aínda non estaba tan profesionalizada como na actualidade. "Así que acabaron dándome ata o carné de identidade, porque foi como o que se vai cun tirachinas á guerra", contou. "Durante moito tempo un amigo presentábame dicindo: Javier Picallo, representante. Non vai chegar a nada porque é moi honrado". Finalmente chegou a representar a xogadores de Primeira División. Aínda que tratar de manter a honradez nese mundo, para Picallo, pasa factura. "Se ti queres ser honesto e rigoroso, o desgaste que vas sufrir é moi importante". Entre outras cousas, recoñeceu "non gozar de vacacións xamais".

Déronme ata no carné, porque me metín nisto de forma moi inocente, como o que se vai cun tirachinas á guerra

Para o axente, os intereses económicos que move o mundo do fútbol profesional conseguiron imporse a calquera outro tipo de valor. "No contexto futbolístico actual, os valores son moi difíciles de manter. Incluso para os propios xogadores. Hai moita xente que intenta aproveitarse de mozos de 19 anos que xeran unha actividade económica brutal ao seu redor".

ABOGACÍA. É por iso, entre outras cousas, que o avogado nunca pensou en deixar a súa profesión para dedicarse de maneira total á faceta deportiva. "Xamais deixarei a avogacía. Sempre tiven moi claro que o pan dos meus fillos non ía depender dunha comisión. Iso daría lugar a que un puidese acabar sendo innoble ou se puidese ensuciar".

Déronme ata no carné, porque me metín nisto de forma moi inocente, como o que se vai cun tirachinas á guerra

Para Picallo son difíciles de entender situacións como as protagonizadas por xogadores de Primeira División, da talla de Cristiano Ronaldo, "xa condenados por fraude fiscal e que seguen cos mesmos representantes". Baixo o seu punto de vista, moitos destes deportistas "non saben a maior parte das veces nin o que asinan: depositan a súa confianza totalmente en ti".

Con todo, el intentou manter os seus principios por encima de todo, segundo afirmou. "Chegáronme a estafar directamente. Pero nunca se me pasou pola cabeza priorizar o de 'que pasa co meu'. Xamais vou pór os meus intereses por diante dos do xogador".

Sobre os privilexios que mantén o mundo do fútbol, para Picallo será moi difícil que cambien "mentres non cambie a sociedade que os sustenta". E puxo un exemplo: "Hai uns días HBO presentaba unha serie documental sobre Jesús Gil, probablemente protagonista dunha das historias máis corruptas deste país. E titulárona El pionero".

"Non ten nada que ver o que é o fútbol por dentro ao que é o fútbol...
Comentarios