As 197 denuncias por incumprir o confinamento repártense entre 167 persoas

As infraccións por incumprir as ordes de confinamento rozan as 200 en Pontevedra, segundo datos do Concello. Desde que se activase a alerta sanitaria pola epidemia do coronavirus, a Policía Local presentou 197 denuncias contra 167 persoas.

"Moitas delas son reincidentes", explicou este luns a concelleira de Protección Cidadá, Eva Villaverde, que asegurou que moitos destes expedientes se abriron contra cidadáns "que viven na rúa e se negan a ir ós albergues", é dicir, sen teito.

Os datos das denuncias, que se corresponden co período comprendido entre o pasado 15 de marzo e o 4 de abril, "van baixando". "Cada vez hai unha concienciación moito maior entre a veciñanza", apuntou a edil.

Este tipo de comportamentos poden carrexar sancións económicas e ata penas de cárcere. E todo iso en base á denominada Lei mordaza, que prevé multas de 100 a 600 euros, en casos leves, nos que persoas retiren valos, encintados ou outros elementos fixos instalados polas autoridades para delimitar perímetros de seguridade.

Se os feitos son considerados graves, os cidadáns expóñense a sancións de 601 a 30.000 euros. Nestes supostos figuran a desobediencia ou resistencia aos corpos e forzas de seguridade ou a negativa a identificarse.

Os delitos poderán castigarse con entre tres meses e un ano de prisión.

Comentarios