O 20 por cento dos autónomos "veranse obrigados a pechar definitivamente"

UPTA predice que outro 40% terá que "cambiar profundamente" a súa actividade. 2.017 déronse de baixa nos últimos dous meses
202005291122201417
photo_camera Unha muller pasando onte fronte a un comercio pechado. RAFA FARIÑA

As vías habilitadas pola Administración para catapultar os negocios sacudidos pola covid-19 serán insuficientes e os posibles colchóns particulares para amortecer a caída quedarán curtos. Dous de cada dez autónomos da provincia veranse "obrigados a pechar os seus negocios definitivamente despois do período transitorio" e outros catro "veranse abocados a cambiar profundamente o xeito de desenvolver as súas actividades".

Así o advirte o presidente da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA), o vilagarcián Eduardo Abad que augura que un 20% dos autónomos de Pontevedra non poderán remontar a crise e que outro 40% terá que reformularse.

As cifras que van transcendendo a este respecto parecen dar sustento ás previsións da entidade. Segundo datos facilitados a este xornal, na provincia pontevedresa rexistráronse 2.017 baixas de autónomos entre marzo e abril, o dobre das altas contabilizadas durante o mesmo intervalo. Así, o total quedou a finais do mes pasado nos 65.857 traballadores por conta propia, 401 menos dos que se contabilizaban hai un ano.

Na esfera local, a tónica está a ser a mesma. O municipio da capital pechou abril con 5.343 autónomos, 43 menos que o mes anterior e 103 menos respecto de abril de 2019.

PREVISIÓNS. A nivel nacional UPTA cre que "a situación actual que estamos a padecer derivada da crise por COVID-19" fará que 400.000 autónomos do país non sexan capaces de remontar o paréntese aberto pola pandemia. E augura que os cambios na forma de consumo provocarán que outros 1.300.000 teñan que reformular a súa actividade, pois considera que os novos hábitos e a nova forma de comunicarse e de entender a vida podería perpetuarse "pola incerteza que crea a ameaza de novas crises climáticas ou sanitarias".

Neste contexto UPTA preparou unha batería de propostas para garantir a supervivencia do traballo por conta propia, con medidas que espera que sexan "implementadas polas administracións nas próximas semanas".

"Para afrontar a transformación da economía e do traballo autónomo hai que fixarse principalmente en tres liñas: dixitalización do comercio de proximidade, regulación do teletrabajo e estructuración sectorial da economía dixital. Desde a nosa organización propomos accións para reconstruír a economía e transformar ao noso colectivo, que necesita unha verdadeira reconversión. Se damos as costas a esta realidade, o traballo autónomo tal como coñecémolo desaparecerá", advirte o presidente de UPTA.

A organización empresarial advirte de que, segundo un informe do INE (Instituto Nacional de estatística) nos últimos doce meses un 30% das persoas traballadoras autónomas non realizaron tarefas informáticas e un 28% non fixeron uso de Internet. Por iso, e polo alzamento do comercio online en tempos de pandemia, esixe medidas para romper a fenda tecnolóxica no colectivo, que pasa "pola alfabetización informática" dos autónomos, complementada por axudas para a adquisición de equipos e acceso á rede.

Ademais, UPTA avoga por reforzar o uso das redes sociais para captar clientes (de forma constante ou en momentos de baixa demanda), para logo dar o paso ao comercio electrónico, unha canle que xa está presente nunha parte importante dos pequenos empresarios, pero que se segue resistindo para algúns. Para estes casos, UPTA expón a creación de proxectos conxuntos de e-commerce, axuntando a comercios por zonas ou gremios.

O Estado abona este venres a segunda prestación
Máis de 1,4 millóns de autónomos cobrarán este venres a prestación extraordinaria para autónomos impulsada polo Goberno central para facer fronte á crise provocada pola COVID-19. O importe previsto para o pago é duns 1.200 millóns de euros, que sumados aos desembolsados os pasados 17 e 30 de abril, supoñen ao redor de 2.500 millóns de euros en prestacións.

Esta medida foi aprobada no Real Decreto-lei 8/2020, de 17 de marzo, tras a declaración do estado de alarma. A súa contía é de, como mínimo, 661 euros mensuais (o equivalente ao 70% da base reguladora) e ademais leva a exoneración de cotas á Seguridade Social de forma temporal. O seu obxectivo é "protexer a falta ou diminución considerable de ingresos dos autónomos e autónomas na situación excepcional provocada pola COVID-19 e contribuír á supervivencia do seu negocio".

A 26 de maio, había 1.412.605 autónomos con esta prestación concedida, o 94,62% dos 1.492.768 solicitantes. Só o 3,24% das peticións resultaron denegadas.

Comentarios