29 empresas pontevedresas e La Caixa vacinan a máis de 24.500 nenos vulnerables

A través da Alianza para a Vacinación Infantil inmunizan contra enfermidades que supoñen un risco grave en África ou Latinoamérica
undefined
photo_camera Instantánea da vacinación dun menor. CEDIDA

Uns 24.579 nenos e nenas en situación de vulnerabilidade en países de África e Latinoamérica foron vacinados grazas á solidariedade de 29 empresas de Pontevedra, a través da Alianza para a Vacinación Infantil da Fundación La Caixa.

En total, e desde a creación do programa en 2008, conseguiuse inmunizar a máis de 7 millóns de menores en zonas especialmente vulnerables do continente africano e suramericano.

Ata agora son máis de 36 millóns de euros os que se recadaron entre as doazóns recibidas de empresas, microdonativos dos cidadáns, e achegas da Fundación La Caixa.

Todas as doazóns pasaron pola fórmula do matching fund. Deste xeito, por cada euro doado, A Fundación La Caixa engade un euro, e a Fundación Bill e Melinda Gates achega dúas máis.

Antonio Vila, director xeral da Fundación La Caixa, destacou que "a pandemia da Covid-19 puxo de manifesto que a cooperación internacional é imprescindible para evitar o colapso sanitario e para previr enfermidades evitables como a pneumonía. Por iso, redobramos o noso compromiso" .Precisamente, a vacina contra a pneumonía é fundamental nos países con dificultades de acceso á sanidade. Por ese motivo, as achegas doadas a Gavi, the Vaccine Alliance, por parte de La Caixa e o Matching Fund da Fundación Gates en 2020 e 2019 cubriron na súa totalidade o orzamento da vacina contra a Pneumonía en Mozambique.

En total, e desde a creación do programa en 2008, conseguiuse inmunizar a máis de 7 millóns de menores

Os fondos deste 2021 ampliáronse a Etiopía, un dos 5 países con maior número de mortes por esta enfermidade pulmonar.

As achegas á Alianza para a Vacinación Infantil proceden dos máis de 375.000 doantes de toda España. Ademais, os empregados de La Caixa e máis de 350.000 persoas solidarias fixeron contribucións puntuais a través da campaña de microdonacións.

Antonio Vila quixo destacar que "no marco da pandemia, a importancia da inmunización infantil nos países máis pobres do mundo acentúase, posto que se seguen suspendendo os programas de vacinación, corremos o risco de sumar a este, novos brotes e potenciais novas pandemias causadas por enfermidades que podemos previr con vacinas".

Engadiu, ademais, que o impacto da pandemia "e a deterioración da saúde dunha rexión ou país influirá na súa economía e no seu grao de desenvolvemento".

A Alianza para a Vacinación Infantil, creada baixo o amparo de Gavi, the Vaccine Alliance, nace co obxectivo de loitar contra a mortalidade infantil, que se podería evitar coas vacinas adecuadas, segundo a Organización Mundial da Saúde.

Calcúlase que, por cada dólar investido en vacinas nos países baixo a actuación de Gavi, poderíanse aforrar 48 dólares en custos de sanidade, perdas de salarios e de produtividade.

Gavi, the Vaccine Alliance
Esta é unha alianza público privada que tende pontes de colaboración entre países en vías de desenvolvemento con países doantes. Na lista inclúense gobernos, a OMS, Unicef, o Banco Mundial, as farmacéuticas e industria da vacinación, axencias técnicas, a sociedade civil ou a Fundación Bill e Melinda Gates. Tamén aparecen empresas e socios do sector privado, como a Fundación La Caixa.

Gavi tamén achega fondos para a loita contra a Covid-19 nos países de África e Asia.

Labor social 
Gavi é Premio Princesa de Asturias de Cooperación Internacional 2020.

Comentarios