O 36% de concellos pontevedreses captan empresas con rebaixas fiscais

Un total de 145 municipios galegos sumáronse á rede impulsada por Xunta e Fegamp

Un total de 145 concellos adheríronse ao programa impulsado pola Vicepresidencia económica da Xunta a través do cal se busca captar investimento empresarial con ganchos' ‘como os incentivos fiscais, o chan industrial a prezos competitivos, a eliminación de taxas municipais e unha axilización da burocracia.

Na provincia de Pontevedra, 22 dos 61 municipios adheríronse ao convenio asinado en outubro de 2017 coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), isto é, o 36,1%. Tras Lugo (31,3%), é o territorio no que menos concellos deron o paso. No polo oposto, en Ourense subíronse ao carro o 72%, isto é, 66.

Sumarse a esta rede ten vantaxes, pois a Xunta concede prioridade aos entes locais nas convocatorias de subvencións para investimentos relacionados coa industria, o emprego e o emprendemento. Segundo o departamento que dirixe Francisco Conde, en 2020, os municipios ‘emprendedores' sumaron puntos en ordes de axudas nas que estiveron en xogo 63 millóns de euros, entre elas a da Risga ou os programas integrados de emprego. Por exemplo, das 51 administracións locais beneficiarias de apoios para mellorar parques empresariais, 38 tiñan o selo ‘Emprendedor'.

Desde o pasado febreiro, esta figura consolidouse coa aprobación no Parlamento de Galicia da Lei de simplificación administrativa e de apoio á economía de Galicia, que busca achandar a implantación empresarial.

A cambio do trato especial que os gobernos locais reciben nas convocatorias de axudas, comprométense a adoptar medidas como bonificar ata o 95% a cota do imposto de bens inmobles (Ibi) que se cargue ás instalacións das compañías que cren máis de 20 empregos. O incentivo será do 75% cando sosteñan entre 11 e 20 postos e dun mínimo do 50% se se ficha a ata dez persoas.

A maiores, comprometeranse a eximir da taxa por licenza de obra e por apertura a todos os proxectos que impliquen un novo negocio ou a ampliación dun xa existente, a condición de que se xere máis ocupación nos campos da industria e a innovación.

En canto ao prazo para a concesión de licenzas de obra maior, non poderá exceder os 30 días naturais desde que o concello dispoña de todos os informes preceptivos. A isto súmase a obrigación de facilitar chan industrial con prezos "competitivos", fixar bonificacións e incorporar a figura do dereito de superficie.

Concellos emprendedores en Pontevedra
Agolada
Arbo
Cambados
Campo Lameiro
A Cañiza
Dozón
Lalín
A Lama
Meaño
Mondariz
Moraña
Ponteareas
Redondela
Ribadumia
Salceda de Caselas
Salvaterra de Miño
Sanxenxo
Silleda
Valga
Vila de Cruces
Vilagarcía de Arousa
Vilanova de Arousa

Comentarios