Un 4% dos cativos lalinenses son adictos ás tecnoloxías da información e comunicación

Resulta dunha enquisa entre os pais e nais, na que o 15% se cuestiona se os seus fillos teñen esa adicción
Antonio Rial Boubeta, profesor de psicoloxía da USC. DP
photo_camera Antonio Rial Boubeta, profesor de psicoloxía da USC. DP

Desenré@te! Unha aposta pola prevención comunitaria é o título da conferencia que impartiu Antonio Rial Boubeta, profesor de psicoloxía da USC, xunto cos convidados María Reboredo, pediatra do centro de saúde de Lalín, José Manuel González, membro da ANPA do CEIP Xesús Golmar, e Luís Fernando, orientador do IES Aller Ulloa.

Ao longo do relatorio, puxéronse sobre a mesa datos dunha enquisa realizada entre a comunidade educativa lalinense polo servizo de prevención de adiccións do Concello que revelou datos como que o 4% dos pas/nais consideran que o seu fillo/a ten un problema de adicción ás TICs. O 15% cuestionase que o poida ter. Por orde de preocupación de máis a menos, os pais estiman que os elementos que máis lles inquedan son por este orde: videoxogos, teléfono móbil, redes sociais e, por último, xogos de aposta. O 50% dos enquisados teñen normas para xestionar o uso das TICs nos seus fillos/as.

Ao longo da conferencia, o profesor Rial apuntou que "temos que ser quen de coñecer e integrar a tecnoloxía e internet nas nosas vidas, non demonizala" pero sempre tendo en conta "a vulnerabilidade dos menores fronte aos riscos que supoñen". Rial defineu este tema como unha das principais problemáticas da convivencias nas familias e expuxo cuestións como que en Galicia "máis de 20.000 adolescentes teñen risco de uso problemático ou adicción ás TIC (máis no sexo feminino). Unha utilización compulsiva que «xera trastornos de ansiedade, depresión, acoso escolar ou ideación suicida". 

Unha utilización compulsiva das TIC xera depresión, trastornos de ansiedade, acoso escolar ou ideación suicida

Incidiu Rial que este mal uso das TIC "tamén se relaciona con problemas de saúde mental, sedentarismo, trastornos do sono, trastorno de alimentación, hipersexualizacion da infancia e adolescencia, cosificación especialmente das mulleres, e mesmo da lugar a novas formas de delito (sexting, grooming e ciberbullying)". 

O poñente siñalou que "o deporte é un factor de protección para o consumo de substancias, especialmente se é federado, pero que está a causar problemas nas apostas deportivas" xa que provoca o dobre de risco para os cativos que o practican de caer na adición do xogo, e nos federados de fútbol a casuística multiplícase por 3. Co cal "estamos transformando un factor protector nun factor de risco". Destacou que "o 60% dos pais saben que os seus fillos apostan" e soen iniciarse aos 12-13 anos.

Comentarios