53 marcas participarán na Cata Concurso do Albariño

O Salón Bazán do Parador de Cambados acollerá o evento vitivinícola. Os premios serán entregados durante a sobremesa da comida oficial do Capítulo Serenísimo
Alfonso Rueda, vicepresidente de la Xunta, visitó este viernes las casetas de la Festa do Albariño
photo_camera Alfonso Rueda, vicepresidente de la Xunta, visitó este viernes las casetas de la Festa do Albariño

Continúan os actos da celebración da sesaxésima terceira edición da Festa do Albariño de Cambados. Durante as xornadas deste sábado e domingo, o Salón Bazán, do Parador de Turismo acollerá a XXVII Cata Concurso Rías Baixas Albariño, na que participarán 53 marcas da Anada 2014 e doutras tantas adegas da provincia.

A Cata Concurso, organizada polo Consello Regulador do D.O. Rías Baixas, comezará este sábado ás 10.00 horas coa denominada Cata Prima. Durante a mesma, o panel de cata dividirase en dúas para avaliar todos os viños, que serán puntuados segundo a normativa da Organización Internacional do Viño. Os mellores viños, decididos polo xurado, pasarán á Cata Derradeira, que se celebrará o domingo, ás 11.00 horas, e da que sairán os tres caldos premiados. Os galardóns serán entregados durante a comida oficial do Capítulo Serenísimo, que terá lugar tamén o domingo, como é habitual, no Pazo de Torrado.

O certame vitivinícola contará cun xurado composto 24 expertos, pertencentes tanto ao panel de cata interno do Consello Regulador como a un externo, disposto para a ocasión.

ALFONSO RUEDA. Por outra banda, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, desprazouse este venres a Cambados para participar na nova edición da Festa do Albariño. O representante da Administración autonómica non dubidou en achegarse ao Paseo da Calzada para visitar as 44 casetas de degustación. No seu percorrido estivo acompañado polo presidente do Consello Regulador do D.O. Rías Baixas, Juan Gil; o secretario xeral do organismo, Ramón Huidobro, e o delegado provincial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

Roda mostrouse moi satisfeito por acudir, unha vez máis, a esta celebración, "que congrega moitísima xente".

"Con esta festa recordamos o que se sabe xa durante o resto do ano, que o albariño Rías Baixas é u mellor branco do mundo", resaltou o vicepresidente da Xunta.

Comentarios