Acelerar as obras da autovía A-57 para que vaian "a mellor ritmo"; recuperar, sempre cun uso público, o edificio de Facenda situado en pleno centro da cidade, e achegar financiamento para as "custosas" obras do Museo de Pontevedra son tres das cuestións que o Concello quere plantexarlle ao novo presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, segundo avanzou este martes a portavoz do bipartito, Anabel Gulías, pouco antes de pecharse a sesión de investidura do socialista.
O Concello solicitaralle a Sánchez unha reunión para abordar os compromisos acadados coa cidade tanto no acordo de investidura –asinado en Madrid o pasado venres entre PSOE e BNG– como nos futuros compromisos para marcar a axenda Pontevedra. Gulías afirmou que o acordo de Goberno "é responsable e útil porque mostra que hai un compromiso con Galiza".
Na documentación asinada figuran temas "vitais para a cidade" como o nó de bombeiros ou "a inxusta estafa da AP-9". Gulías tamén recoñeceu que o Goberno local está satisfeito "con que haxa un Goberno do Estado que recoñeza que Ence está mal situada e que urxe o seu trasladado, e é importante que estea escrito e se asuma, algo que nós vimos defendendo".
Ademais destes acordos, tamén se quere negociar co novo Goberno do Estado o resto da axenda propia da cidade: elevar o ritmo de execución da circunvalación (A-57), "porque é unha infraestrutura necesaria para Pontevedra"; apoio financieiro para o desenvolvemento das obras do Museo de Pontevedra, e iniciar conversas para determinar o futuro do edificio de Facenda (edificio de San Francisco) "do que esixiremos que se manteña o seu uso público".
ESPERANZA. Anabel Gulías asegurou que o Goberno Local está "ilusionado e esperanzado" cos acordos acadados en Madrid, e "agardamos que a axenda de Pontevedra sexa unha realidade". Así mesmo, confía en que "se abra un tempo novo para que esta cidade non sexa marxinada como foi en tempos pasados".
Tamén tivo unhas palabras para o PP local, que debería "aplaudir" o acordo alcanzado polo BNG co PSOE para facilitar a investidura de Sánchez, "xa que é beneficioso para a cidade". Sobre a crispación que se vive no panorama político nacional, considera que en Pontevedra "xa estaba crispado desde antes da sesión de investidura", como era evidente nos plenos.