589 aspirantes para 8 prazas de auxiliar administrativo na Deputación provincial

Os exames comezaron ás 8.30 horas e celebráronse durante boa parte da mañá
Primeira das probas selectivas no Ifevi. DP
photo_camera Primeira das probas selectivas no Ifevi. DP

Cun operativo de seguridade sen precedentes celebrouse este martes o primeiro exercicio das probas para cubrir oito prazas de auxiliar administrativo na Deputación. A convocatoria, á que se presentaron 589 aspirantes, tivo lugar no Recinto Feiral de Vigo (Ifevi), onde, por primeira vez, foi necesario alugar dous pavillóns diferentes.

A institución provincial elaborou un protocolo que ten a autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, que completou e deu o visto bo á realización dunhas probas que requiriron dun operativo sen precedentes e da reserva dos pavillóns números 4 e 5 do recinto feiral vigués. A Deputación, que reserva o Ifevi para os procesos máis multitudinarios, nunca tivera a necesidade , ata o de agora, de dobrar o espazo.

O operativo que este martes se puxo en marcha incluíu tamén o acceso por cinco portas diferenciadas, todas elas con persoal de control, para evitar colas e aglomeracións, así como a sinalización no chan de tódalas vías de circulación. Finalmente, regulouse un procedemento de información polo miúdo sobre as normas de seguridade de obrigado cumprimento antes da entrada e do comezo das probas de cada unha das quendas.

Os exames comezaron ás 8.30 horas e celebráronse durante boa parte da mañá, diante da necesidade de repartir ás persoas aspirantes en cinco quendas diferentes, cun máximo de 120 por cada unha delas. Quedaron sentadas en mesas de 2,20 metros de longo, con dúas persoas por mesa, situadas a carón de cada extremo e na mesma orientación. Á vez garantiuse unha separación ampla entre tódalas mesas, así como a súa completa desinfección con produtos especializados entre cada unha das quendas. O protocolo inclúe tamén un rexistro completo de tódolos asistentes, e o número de asento ocupado, que será conservado durante un mes.

O proceso selectivo (que contempla dúas probas máis) está destinado a cubrir oito prazas de auxiliar administrativo polo sistema de concurso-oposición ao estar encadrado dentro do Plan de Estabilización aprobado en 2018 para a consolidación de emprego e a redución da temporalidade na institución. O Plan de Estabilización implica, entre outras cousas, 118 procesos selectivos para a cubrir 257 prazas das Ofertas Públicas de Emprego de 2017, 2018 e 2019.

Comentarios