Un 59% de egresados nas facultades do campus de Pontevedra xa son mulleres

O Observatorio Urbano da cidade da UVigo, sitúaa como a terceira galega con maior crecemento da poboación
Momento da entrega do informe no Concello. DP
photo_camera Momento da entrega do informe no Concello. DP

Un total de 19.674 datos, repartidos en dous bloques estruturais, 20 ámbitos e 205 indicadores estatísticos reúnense no quinto informe do Observatorio Urbano de Pontevedra, un documento resultado da colaboración entre a Concellería de Promoción Económica e a Universidade de Vigo, no marco do Campus Crea. Como unha "ferramenta eficiente para a toma de decisións dos diferentes axentes sociais implicados no desenvolvemento da cidade" presentan os seus responsables a edición correspondente a 2019 deste documento elaborado polo grupo de investigación G4+ (Desenvolvemento estratéxico: organizacións e territorios), da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

O responsable deste grupo, membro da agrupación estratéxica Ecobas (Economics and Business Administration for Society), Pedro Figueroa, e o investigador Daniel Gallego son os responsables deste informe, que veñen de entregar á concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, e que estará á disposición da cidadanía na web do Concello. O documento reúne información sobre poboación, benestar e saúde, educación, cultura, deporte, participación cidadá, actividade xudicial, mercado laboral, estrutura empresarial, fogares ou impostos, permitindo tanto coñecer a evolución dos diferentes indicadores como a posición do municipio respecto ás sete grandes cidades galegas.

Sobre o contido do informe, a concelleira socialista Yoya Blanco subliñou "os máis que reveladores indicadores que o Observatorio Urbano ofrece en materia de muller", poñendo de manifesto datos como que "das e dos 673 egresadas e egresados do campus de Pontevedra, o 59% son mulleres; que das 346 matrículas en programas de mestrado, o 65% son mulleres, ou que das 44 teses lidas en 2019,o 70% corresponden a mulleres". "Atopamos tamén que se a esperanza de vida de Pontevedra é de 84,08 anos (2018), no caso dos homes é de 81,70 anos e do das mulleres, 86,09 anos. No caso dos homes houbo un incremento do 2,13% (era de 80 anos no 2017), pero no das mulleres produciuse un decrecemento do 1,41% (87,32 anos en 2017). Por outra banda, a fenda salarial en Pontevedra é do 14,22% (dato de 2018), cun descenso do 20,55% dende 2015. Somos aínda a terceira cidade, despois de Lugo e Ourense, con menor fenda salarial, polo que queda moito traballo por facer", dixo Blanco.

Nun primeiro bloque, baixo o epígrafe de Cohesión social, o informe presenta unha serie de datos sobre poboación que sitúan a Pontevedra como "a terceira cidade con maior crecemento de poboación nos últimos cinco anos" e como a urbe cunha idade media máis baixa da súa poboación, 44,1 anos. Trátase así mesmo da cidade galega cunha maior porcentaxe de persoas menores de 21 anos, un 18,8%, e cunha menor porcentaxe de maiores de 64, un 20%.

SAÚDE. No referido a saúde, Pontevedra ocupa o penúltimo lugar entre as sete cidades galegas na porcentaxe de recursos humanos en atención primaria por cada mil habitantes (2,3), segundo recolle o documento, que amosa tamén como o número de camas "reduciuse nun 7,8% nos últimos dez anos". 

Comentarios