Setecentos pontevedreses recibiron axuda social desde marzo

O Concello repartiu unha media de 110 comidas diarias desde o inicio da pandemia, das que se beneficiaron un total de 225 fogares
Gon 12.30  COMEDOR DE SAN FRANCISCO. FOTOS DE GENTE COGIENDO COMIDA PARA ILUSTRAR UN REPORTAJE DE LA PÁGINA 2-3 DEL DOMINGO Y PUEDE QUE PORTADA Y. EL REPARTO DE COMIDA EMPIEZA A LAS 12-30 Y ACAB A LAS 14.00, PERO MEJOR ID AL PRINCIPIO QUE HAY MÁS GENTE. CUALQUIER DUDA, HABLAD CON JUAN SALGADO: 689 846253, sábado, 26 sept · 12:30–13:30
photo_camera A xente non deixou de acudiar ao comedor de San Francisco, como se puido comprobar este sábado. GONZALO GARCÍA

A crise económica derivada da pandemia cebouse especialmente cos sectores máis desfavorecidos de Pontevedra e a día de hoxe case unha de cada 100 familias da cidade necesita axuda social para poder facer algo tan básico como alimentarse. Así se constata ao pór en relación os datos ofrecidos pola Concellería de Benestar Social respecto das axudas concedidas durante os últimos seis meses co número de fogares que o Ige (Instituto Galego de Estatística) contabiliza na Boa Vila: 32.290. Segundo a Concellería, "outorgáronse axudas en especie a un total 225 familias, é dicir, a preto de 700 persoas". Esta cifra supón un 0'7% do total de fogares da cidade.

As axudas monetarias municipais por causas sobrevindas da pandemia son lixeiramente menores (77), pero aínda así supoñen un tráxico balance do 0'24% respecto ao total de familias pontevedresas.

O Banco de Alimentos constata un incremento da demanda entre un 30 e un 40% respecto de 2019

A responsable da área de Benestar Social, Marcos Rey, destaca ademais que a través do programa fiambreiras quentes, repartíronse nestes seis meses unha media de 110 comidas diarias. Pola súa banda, o programa cartóns moedeiro –impulsado de xeito conxunto pola Xunta, o Concello e Cruz Vermella– contabilizou un total de 129 solicitudes.

Trátase de servizos que a día de hoxe séguense prestando", tal e como sostén Rey, co obxectivo de continuar "respondendo ás múltiples demandas dos sectores máis vulnerables da nosa sociedade e que ninguén quede atrás nesta crise económica derivada da sanitaria".

ASISTENCIA. Tal e como indica o concelleiro, as axudas sociais prestadas durante estes seis meses de pandemia non se limitaron unicamente a repartir comida e prover de recursos económicos: "Déronse un total de 48 de servizos a domicilio que van desde persoas con problemas psiquiátricos que non entendían o de illarse e usar máscara ata coidadores que estaban confinados e non podían acudir a traballar". Un labor inxente que, tal e como reivindica Marcos Rei, "serve para demostrar a importancia que ten unha área específica como Benestar Social dentro dun concello para poder dar resposta inmediata ás demandas destes tempos".

No que respecta ás axudas en especie, o Concello contou coa colaboración directa da delegación pontevedresa de Banco de Alimentos. O seu responsable, José Luís Doval, cifra o aumento da demanda "ao redor dun 30 ou un 40%" e non deixa demasiado indicio ao optimismo: "Témome que, como a situación actual vai para longo, a cousa irá aumentando máis".

A colaboración do servizo de comedor ofrecido pola orde franciscana do Convento de San Francisco tamén foi fundamental. Este mesmo sábado podíase comprobar como a xente segue acudindo ata a porta do edificio para recibir comida a mans do Pai Superior, José Antonio Castiñeira Chouza, axudado polo voluntaria Sagrario Fariña.

Pepa Vázquez, presidenta da asociación pontevedresa Boa Vida: "Hai que reforzar as redes de solidariedade para evitar que ninguén quede excluído"

"O peor está por chegar". Así de rotunda móstrase Pepa Vázquez, presidenta da ONG Boa Vida ao ser preguntada pola actual situación das persoas máis desfavorecidas na comarca de Pontevedra.

"Non notamos un aumento excesivo. A xente foi recuperando os seus traballos e lamentablemente quen estaba mal segue estándoo. O aumento de demanda de axuda notarase a partir de xaneiro, cando se deixen de cobrar as axudas económicas que polo momento reciben", engade.

Boa Vida centra fundamentalmente o seu labor en mellorar o acceso a oportunidades a través da formación e o traballo en equipo. Neste sentido, o seu responsable fai especial fincapé en que a xente "non debe esperar a verse realmente mal para pedir axuda". Porque, tal e como puido constatar durante os últimos meses, "a xente leva moi mal a vergoña social" e "son moitos os que tardan en volver precisamente por iso".

Pepa Vázquez constata que a maioría da xente que acode en busca de axuda á ONG que preside son inmigrantes, "aínda que chama a atención que moitos son universitarios e con título académico" . Trátase dun grupo social que foi especialmente golpeado coa crise derivada do coronavirus, principalmente porque "perderon os traballos que antes ían facendo de xeito itinerante". Xunto a eles, "o perfil que seguimos atendendo é o de xente desempregada ou incluso xente cun emprego precario cuxo soldo non lle dá para vivir dignamente".

Gonzalo Diéguez, responsable do comedor de San Francisco: "Moita xente deixou de vir desde que entregamos a comida na porta"

O factor vergoña é un dos que máis limita ás persoas necesitadas de axuda á hora de solicitala. Así o constata Gonzalo Diéguez, responsable do servizo de comedor ofrecido polo Convento de San Francisco: "Notamos que moita xente que viña diariamente deixou de vir desde que xa non está aberto o comedor e dáse a comida na porta. Hai moita xente que non quere ser vista pedindo comida".

A orde franciscana que rexenta esta institución relixiosa viuse obrigada a cesar o servizo no comedor interior por mor da pandemia "porque os voluntarios que tiñamos eran sobre todo xente maior". Por iso, desde hai meses, o que fan é "dar un prato de comida quente á xente que vén á porta». Sen distincións nin condicións: "Se traen un tupper, enchémosllo. Se non, dámosllo nós". Normalmente os franciscanos asistían a unha media de entre 120 e 150 persoas diarias, pero os efectos da pandemia aumentaron lixeiramente esa cifra: "Houbo días nos que atendemos a 160 ou incluso a 170 persoas".

O perfil máis común é o de xente "bastante maior cunha paga moi pequena" e sobre todo "xente que vive na rúa". De feito, Diéguez afirma que «antes adoitaba vir máis ou menos a mesma xente sempre, pero agora notamos que hai moito vagabundo transeúnte que vai de cidade en cidade". Tamén notaron que, mentres que antes acudía xente a por pratos individuais, "agora veñen con tuppers para toda a familia".

"En só seis meses atendemos a tantas persoas como nun ano enteiro"
JAVI CRISE CORONAVIRUS, CONTROL POLICIAL EN MONTEPORREIRO ,CRUZ VERMELLA AXUDA A Gente SEN TEITO  Etc. A delegación pontevedresa de Cruz Vermella fixo balance destes últimos seis meses e resúmeno deste xeito: "Atendemos a moita xente, en moitas frontes distintas e en moi pouco tempo". As cifras non poden ser máis rechamantes: 6.000 persoas atendidas, 33.000 dúbidas resoltas e 1.768 entregas de bens. Todo iso cun persoal de 163 voluntarios ao pé do canón.

Tal e como asegura a responsable de comunicación da organización, María Durán, "son cifras que poderían darse en períodos dun ano, pero nunca en cuestión de tan só seis meses". Ela mesma recoñece que se viron "atafegados pola gran cantidade de solicitudes de axuda" e confesa que, ao contrario do que se podería pensar, non só acudían a eles pedindo comida:

"Había xente que nos chamaba para consultas laborais e sobre todo familias que se atopaban de súpeto coa formación online, que non estaban preparadas para axudar aos seus fillos ou directamente non tiñan recursos".

Neste sentido, Durán móstrase sorprendida porque "persoas que antes non viñan a Cruz Vermella tiveron que facelo porque non tiñan nin conexión a Internet". Trátase de xente que "tiña a súa vida montada e en cuestión de meses viuse excedida". Por iso insiste na necesidade de traballar "en capacitación e ofrecer recursos que garantan a súa autonomía". á espera dun inverno "no que as dificultades emerxerán aínda máis", intenta manter o optimismo e reivindica que "a xente máis vulnerable non se pode quedar atrás, senón que temos que ir todos no mesmo tren".

Comentarios