"El 8-M de 2018 nos unió y supuso un cambio en nuestro estado emocional"

TERCEIRO ANO DE MOBILIZACIÓNS ► 2018 marcou un antes e un despois. A histórica folga de mulleres supuxo a chegada da que se considera a cuarta onda do feminismo e puxo na axenda cuuestións como a fenda salarial, a corresponsabilidade ou o "só se e sí" ► Catro mulleres amosan as súas expectativas ante unha nova xornada de reivindicacións
Vicky Estévez, Susana Pedreira, Margarita Rey e Tamara Andrés. DAVID FREIRE
photo_camera Vicky Estévez, Susana Pedreira, Margarita Rey e Tamara Andrés. DAVID FREIRE

O 8 de marzo de 2018 foi, indiscutiblemente, unha xornada histórica. A folga feminista, con multitude de mobilizacións arredor de todo o país puxo na axenda cuestións para mellorar a vida e os dereitos das mulleres e evidenciou que, para a metade da poboación, existen dereitos e conquistas irrenunciables. "Fue un día que nos unió y cambió nuestro estado emocional", adianta a avogada de familia Margarita Rey, cunha ampla traxectoria na cidade de Pontevedra

Pasaron dous anos dende as mobilizacións históricas e as rúas ateigadas e Diario de Pontevedra reúne a catro mulleres para medir o pulso, as sensacións e as expectativas de cara a un novo 8M, Día Internacional da Muller. "Eu tiña medo o ano pasado porque pensaba que era difícil reeditar aquilo, pero agora xa ninguén dubida que o 8M é unha data sinalada e de mobilizacións", conta a xornalista de Onda Cero, Susana Pedreira, coorganizadora do congreso As Mulleres que Opinan son Perigosas, que reúne a sinaturas de mulleres no ámbito da opinión e o xornalismo. Acompáñana a propia Margarita Rey, a poeta Tamara Andrés e a axente de igualdade, activista feminista e directora de teatro Vicky Estévez

REDE. O 8-M de 2018 deixou artellada unha rede de resposta e mobilización polos dereitos das mulleres

A Coordinadora Galega 8M non convoca este ano folga laboral, aínda que si o fan algúns sindicatos e certas asociacións feministas. "Haxa ou non folga, isto non se vai desinflar. a xente está cada vez máis concienciada. É imparable", apunta Vicky Estévez. Máis pesimista amósase Tamara Andrés, que teme que o éxito das anteriores convocatorias faga que os colectivos feministas se relaxen. "Persoalmente, estou notando menos coordinación, teño medo a caer en certas etiquetas sen que realmente se estea cambiando nada", apunta a poeta. 

Sobre a necesidade de convocar de novo unha folga afonda Pedreira. "Eu fíxena nos dous anos anteriores, pero como xornalista non sei se era a mellor postura, traballar todos os días e xusto ese non facelo", conta. Neste sentido, moitas afondan que a folga de 2018 deixou activado un tecido asociativo preparado para reaccionar ante calquera asasinato machista ou regresión nos dereitos das mulleres. "Vémolo cada vez que ocorre algo, estamos organizadas para saír á rúa", engade Pedreira. 

CAMBIOS. Sinalan a necesidade de educar na igualdade, ao igual que se fai coa seguridade vial ou o ecoloxismo

Que asuntos e reivindicacións marcan entón a axenda feminista en 2020? Que motivos teñen as mulleres para seguir protestando? "Yo veo que llevamos muchos años cambiando y hemos mejorado mucho, pero también queda mucho por hacer", sinala a avogada Rey. E Estévez enumera: "Estamos esixindo ser máis visibles, ser nomeadas, que exista linguaxe inclusiva, que tratemos os asasinatos machistas como un acto de terrorismo, que se respecten os nosos corpos...". A lista é longa e Margarita Rey redúcea a unha estratexia da que se fala habitualmente, a da educación en igualdade. "Tenemos que llegar a un pacto en el que los políticos abandonen los partidismos y apuesten por una Educación que incluya la formación afectivo sexual desde la infancia. Igual que ahora a nadie se le ocurre fumar en un centro de trabajo, podemos hacer que a nuestros niños y niñas la idea de la violencia le parezca algo inasumible", resume Rey. Nes te sentido, alude a outros logros que se conseguiron e que agora se consideran comportamentos habituais: poñer o cinto ao subir ao coche, non circular en automóbil pola Praza da Peregrina, reciclar envases de plástico ou non tirar o lixo ao chan nun parque. 

OS HOMES. Apuntan á necesidade de crear novos referentes e modelos de masculinade nin tóxica, nin violenta, nin machista

A avogada non esquece a importancia da implicación dos homes nesta tarefa. "Ser hombre no tiene que significar ser machista", sinala referíndose á necesidade que crear novos referentes de masculinidade non tóxica nin machista dende a educación. 

Para Tamara Andrés, dunha xeración máis nova que a avogada, quedan moitos obstáculos que vencer. "Moita xente da miña idade declárase feminista, pero aínda fomos educados con valores machistas e iso segue a verse en calquera casa. Non se fala disto dentro das casas. O discurso está aí, pero realmente non penetra porque eu non vexo cambios", lamenta. Tamén a xornalista Susana Pedreira indica que dende 2018 cambiaron cousas, pero só con carácter superficial, no ámbito dos medios de comunicación. "O feminismo entrou na axenda informativa, pero preocúpame que se creen guetos de información feita por mulleres e para mulleres, sen que o feminismo sexa unha cuestións transversal, a ollada dende a que se fai a información", conta. "Queda pendente que o xornalismo polo que nós apostamos aposte por nós", resume tras enumerar unha serie de fendas que seguen existindo, xa sexa á hora de escribir artigos de opinión ou de acceder a postos directivos. 

Vicky Estévez, axente de Igualdade: "A formación da xente máis nova é o que verdadeiramente vai cambiar as cousas no futuro"

Como educadora en valores de igualdade, Vicky Estévez centra o debate na importancia de actuar entre os máis novos. "A formación da xente nova é o que vai mudar as cousas", sinala, e demanda máis implicación das autoridades, pero tamén por parte do profesorado, para que os contidos se oferten aos mozos e mozas de forma coordinada en función das súas necesidades. Neste sentido, é importante a formación dos menores, pero tamén de quen traballa con eles e da sociedade en xeral. Dende xornalistas a xuristas, pasando tamén, polo profesorado. Para Tamara Andrés,é importante tamén que existan referentes, sobre todo no ámbito cultural. "Hai figuras moi descoñecidas. María Xosé Queizán foi fundadora da revista ‘A festa da palabra silenciada’ onde escribían mulleres xornalistas, poetas e de diferentes ámbitos. É un proxecto que non se coñece, ao igual que moitos outros que penso que se teñen que festexar, como fai o colectivo A Sega con mulleres relevantes da nosa cultura", conta a poeta. 

Susana Pedreira, xornalista: "O que sentín o 8M de 2018 resúmese en tres palabras: confianza, forza e seguridade. Pasamos da indiganación á acción"

Porén, algo cambiou a mellor entre as xeracións máis novas, iso recoñéceno todas as presentes. "Sobre todo as rapazas, teñen as cousas bastante claras, hai centros nos que traballan moi ben as cuestións de igualdade e nótase no alumnado, que ten un discurso marabilloso", explica Estévez. 

"Mi nieto habla con normalidad de amigos suyos que tienen novio, algo impensable en mi época que demuestra que las cosas están cambiando", engade Rey, ao que Pedreira matiza: "eles mesmos, os adolescentes, poden facer pedagoxía nas súas casas". 

Margarita Rey, avogada: "Tenemos que logar que a nuestros niños y niñas la idea de la violencia en una relación les parezca algo inasumible"

"Los políticos suelen estar por debajo de los ciudadanos a los que representan. La gente es más tolerante que sus políticos, por eso si sales al mundo real también ves luz", indica Margarita Rey. "El ejemplo lo veo en mis padres, nacidos a finales de los años 30, que tuvieron esa educación castrante y que han sido capaces de reinventar aquello y ahora ir, por ejemplo, a una charla sobre relaciones tóxicas. Si ellos han sido capaces de adaptarse a esto, ¿cómo no vamos a poder nosotros?", reta a avogada. 

Se algo quedou claro o 8 de marzo de 2018 é que existen novas alianzas entre as mulleres e que non están illadas cada unha cos seus problemas, senón que conseguiron artellar unha rede ampla de resposta ante as diferenzas, as violencias e as discriminacións que se considera xa a cuarta onda do feminismo. "Eu recordo chorar aquel día. Aquela emoción é a que vai conseguir que isto vaia para adiante", apunta Vicky Estévez. Neste sentido, conta que o patriarcado traballou dende sempre para que as mulleres se visen entre elas como competencia e non como aliadas, algo que cambiou radicalmente dende 2018. "Iso vese reflectido moito ultimamente, como as mulleres nos alegramos de que ás nosas compañeiras lles vaia ben. Hai só uns días facíase tendencia nas redes recomendar a dez mulleres referentes, pode parecer un detalle, pero son cousas que fomos cambiando", indica Pedreira. 

Tamara Andrés, poeta: "Moita xente da miña idade se declara feminista, pero aínda fomos educados en valores machistas"

O caso da violación múltiple da Manada en 2016 desatou unha indignación colectiva que xa estaba no ambiente nas vésperas da histórica xornada de 2018. Á vez, en Pontevedra, celebrábase a primeira edición do encontro As Mulleres que Opinan son Perigosas. "Había esa sensación de ‘desta vai’, foi o momento no que pasamos da indignación á acción", indica Pedreira, para quen aquel día se resume en tres palabras: "confianza, forza e seguridade". Aquel sentimento de verse acompañada chegou despois do cansanzo que implica ser feminista e detectar as desigualdades. "Ser feminista agota", asinten as convidadas. Por iso aquel 8M foi tan emocionante: todas estaban cansas pero, de súpeto, non estaban soas. 

Malia todas as barreiras pendentes de superar, Margarita Rey é partidaria de observar os cambios con perspectiva. Ela, avogada de familia dende os 80, aínda se espanta cando escoita iso de "te lavo la loza", pero recoñece que se ten avanzado moito. "Yo creo mucho en el poder de las mujeres. Juntas somos fuertes, por eso nos tienen tanto miedo. Estamos unidas, somos prácticas y rápidas. No hay vuelta atrás", conclúe.

MANIFESTACIÓN COMÚN EN VERÍN ESTE DOMINGO ÁS 12 HORAS

A Coordinadora Galegas 8-M artella unha serie de mobilizacións arredor do mes de marzo. A máis relevante, unha manifestación unitaria a nivel galego, celébrase hoxe en Verín ás 12.00 horas. Este ano escolleuse a localidade ourensá para protestar polo peche do paridoiro do seu hospital comarcal, finalmente reaberto pola Xunta de Galicia tras as mobilizacións cidadás. A marcha sairá da Praza Maior da vila, á que chegarán máis dunha vintena de autobuses cargados de activistas de toda Galicia.
DENTRO DUNHA SEMANA. O Día Internacional da Muller cadra este ano en domingo, exactamente dentro dunha semana. Entón, as mobilizacións serán a nivel local, organizando cada cidade ou vila as súas propias actividades. 

Así, en Pontevedra celebrarase ás 16.30 horas unha acollida de Treboadas Feministas da comarca, os colectivos das localidades próximas que participarán na manifestación da Boa Vila. Esta terá lugar ás 17.30 horas dende a Praza do Hospital percorrendo as rúas da cidade.

Comentarios