"A compostaxe é imparable e todas as cidades terán que facer como Pontevedra"

O vicepresidente da Deputación falou sobre o modelo de xestión de residuos orgánicos que as directivas europeas farán obrigatorio en 2020

Mosquera, no faladoiro celebrado na Taberna do Jazz. CEDIDA
photo_camera Mosquera, no faladoiro celebrado na Taberna do Jazz. CEDIDA

"Dentro de pouco todas as cidades terán que facer o mesmo que Pontevedra coa compostaxe", afirmou este luns o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, nun faladoiro sobre no que explicou o proxecto do Concello de Pontevedra para compostar os seus biorresiduos e o Plan Revitaliza que a Deputación está a implantar na provincia.

Mosquera destacou que a compostaxe "é imparable" e que Pontevedra se está a consolidar como unha referencia a seguir por outras administracións, incluíndo o propio Ministerio de Transición Ecolóxica, ou administracións catalanas, navarras e do País Vasco que eran punteiras ata hai poucos anos, pero que agora teñen a súa vista posta na provincia polo seu avance na compostaxe comunitaria e por como se aborda a xestión do lixo dende un enfoque poliédrico, tocando aspectos técnico-formativos, sociais e comunicativos.

A subdirectora de Residuos do Ministerio para la Transición Ecológica abriu o novo curso de mestres composteiros

Así mesmo, lembrou que o Revitaliza e o plan Pontevedra composta naceron como un proxecto voluntario, mais subliñou que a nova normativa europea e española en materia de residuos está a facer de ambos plans unha ferramenta "indispensable" para poder cumprir cos obxectivos. Incidiu, de feito, en que as directivas europeas sinalan que en 2020 será obrigatorio recoller e tratar de maneira separada o 100% dos biorresiduos municipais (restos de comida e vexetais) e preparar para reciclar alomenos o 50% da bolsa do lixo.

"Poucas cidades do Estado están preparadas para cumprir estes obxectivos. Nós imos adiantados, temos un modelo claro", sinalou, destacando tamén a implicación da cidadanía que a día de hoxe está a colaborar de maneira moi significativa tanto na posta en marcha dos centros de compostaxe comunitaria como no uso de composteiros individuais no caso de vivendas con horta. Neste sentido subliñou que actualmente están instalados na provincia 116 centros de compostaxe comunitaria en 30 municipios. Pontevedra é no que máis composteiros hai e onde se están a repartir máis de 8.000 composteiros individuais, distribución que comezou pola parroquia de Tomeza.

FACULTADE. Neste mesmo sentido, a subdirectora xeral de Residuos do Ministerio para la Transición Ecológica, Margarita Ruíz Saiz-Aja, participou este luns no acto de apertura da Facultade da compostaxe que se celebrou pola tarde en Príncipe Felipe.

Ruíz Saiz explicou a normativa estatal falando do Pemar e do Plan de Prevención de Residuos, ademais da guía de compostaxe que recentemente editou o Ministerio en materia de compostaxe (e que recolle especificacións propias do traballo feito en Pontevedra). Ademais dela tamén impartiu clase a técnica de Medio Ambiente de la Deputación de Pontevedra, María Martínez Abraldes.

As seguintes xornadas de formación serán sobre Ordenanzas municipais e taxas de residuos, a cargo de Sergio Sastre Sanz (Consultor ambiental en ENT); A experiencia de Ecocelta, con Sergio Quiroga -Director executivo de Ecocelta Galicia S.L.–; Sogama, da que se encargará María Martínez Abraldes; e Marco normativo/lexislativo galego, da que se ocupará Lucía Pazos Alfonso, do Servizo de Residuos da Xunta de Galicia.

Comentarios